top of page

PREVIA X28 PRIMEIRA DIVISIÓN FS | Barça - Noia Portus Apostoli FS | A por todas ao Palau

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • May 3
  • 3 min read

Sábado, 03/05/2025 · 16:10h · Imaxe: Foto Pichero | O conxunto branco visita o impoñente feudo barcelonista (dom. 04/05, 17:30h, FEF TV e Esport3) coa urxencia de sumar.


Non importa o rival, non importa o escenario. Nin sequera que sexa o Barça e no Palau. Tampouco que se trate do segundo desprazamento consecutivo. Agora máis que nunca, o Noia Portus Apostoli FS xa non pode poñer escusas ante a calidade ou o estatus do seu opoñente. Gañar para ter a opción de saír de postos de descenso é a única obsesión nos tres partidos que quedan, empezando polo deste domingo 4 ás 17:30h, no que buscarán dar a sorpresa e conseguir o que serían tres puntos de ouro na batalla pola permanencia.


A pasada xornada 27 supuxo un revés para as aspiracións de salvación noiesas. Xa fora con 1 ou 3, todos os seus rivais directos sumaron unidades ao seu casilleiro, mentres o seu empeño en Valdepeñas non obtiña premio. Estes resultados relegaron ao Portus Apostoli á 15ª e penúltima praza con 25 puntos, a 2 do CD Burela FS e a 3 do ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS, conxuntos que se enfrontan en Tudela o sábado. Lonxe de lamentarse ou baixar os brazos, o vestiario noiés continúa plenamente motivado e consciente de que pode competir e saír vitorioso ante calquera equipo.


Aínda que o que teña diante sexa todo un Barça e, ademais, en feudo blaugrana. Os culés alcanzan esta antepenúltima cita ligueira 3º con 56 puntos e loitando polo liderado, noutra temporada marcada polas lesións. Tres efectivos clave como Catela, Fits e Sergio Lozano serán baixa para o duelo de domingo, ao que poderían chegar Feixas, Adolfo e Mamadou Touré, ausentes nas últimas semanas. Sexa como sexa, Tino Pérez presentará un elenco envidiable, liderado por Dyego, Pito, Dídac e os, quizais, máis entonados neste momento, Antonio (17 goles, máximo realizador do equipo) e Sergio González, que queren esquecer o seu último resultado (derrota 5-1 en Palma) e chegar da mellor forma posible a un PlayOff que é a única vía que lle queda para erguer un título.


Tres partidos, tres batallas, tres oportunidades. Así so plantexa o Portus Apostoli, que terá no Palau Blaugrana a primeira delas para demostrar que aquí ninguén se dá por vencido e, como proclama sempre a súa xente, “si se pode”.



Declaracións previas



O desprazamento

A expedición noiesa tomou dirección Barcelona en bus á tarde-noite do venres, chegando ao seu hotel de concentración pola mañá do sábado. Posteriormente, realizaron a última sesión de adestramento previa ao partido do domingo.


Emisión en directo

O encontro emitirase en directo a través da plataforma de pago FEF TV, en web e app, e en abierto na televisión autonómica catalá Esport3 este domingo 4 de maio a partir das 17:30h.


Árbitros

Fernando Faubell Zaldívar e José Lázaro Angulo, do comité aragonés. Balance en todas as competicións con Faubell Zaldívar de tres vitorias e dúas derrotas; con Lázaro Angulo, catro vitorias e unha derrota.


Precedentes

·5 de novembro de 2022 | X7 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 2-4 FCB


·11 de marzo de 2023 | X22 Primeira División FS 2022/2023 | FCB 3-4 NPA


·30 de setembro de 2023 | X4 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 5-8 FCB


·17 de febreiro de 2024 | X19 Primeira División FS 2023/2024 | FCB 3-1 NPA


·9 de novembro de 2024 | X5 Primeira División FS 2024/2025 | NPA 0-4 FCB

Comentários


bottom of page