Os noieses visitan unha cancha na que nunca sumaron coa posibilidade de selar matematicamente a súa presenza no PlayOff polo título de Liga.
O madrileño Jorge Moreno Durán e o andaluz Javier Moreno Reina serán os encargados de dirixir o encontro, emitido por LaLiga Sports TV e CMM Play este venres 5 a partir das 21:00h.
Por segunda saída consecutiva, o Noia Portus Apostoli FS xogará en venres. Ás 21:00h deste próximo día 5, os de Marlon Velasco visitan ao Quesos El Hidalgo Manzanares FS no Antonio Caba, pista na que buscarán sumar por primeira vez na historia do club con, ademais, a opción de asegurar de forma matemática a súa clasificación ao PlayOff.
Oitavos con 37 puntos, unha vitoria ou un empate, en caso de que Industrias Santa Coloma non venza a ElPozo, significarían concretar a proeza de meterse entre os mellores 8 da elite. O calendario, sempre caprichoso, quixo que esta situación se dea nunha xornada na que o Portus Apostoli visita unha cancha “maldita”, con catro derrotas en catro partidos disputados no Antonio Caba de Manzanares. Alí acudirán os noieses coa baixa segura de Edu Jabá, quen agarda probas para coñecer o alcance da lesión sufrida ante Jimbee Cartagena, pero co regreso de Marcelo, tras cumplir sanción nese mesmo duelo.
Tampouco é precisamente o mellor momento para enfrontarse a un Quesos El Hidalgo Manzanares FS que atravesa probablemente o seu tramo de forma máis fino do curso. Sumando 10 dos últimos 12 puntos posibles, os de Juanlu Alonso escaparon da queima case de maneira definitiva, cunhas 30 unidades que poñen 6 de diferenza a falta de 9 por repartirse. Esa reacción chegou principalmente dos choques como locais, dos que sacaron triunfos dos seus 3 últimos para un total de 5, incluindo unha goleada por 4-0 sobre ElPozo. No calor do Antonio Caba crécense xogadores xa de por si talentosos como Cortés (máximo realizador do equipo con 11 tantos), os internacionais con España, Raúl Campos (baixa por lesión), Juan Emilio (baixa por sanción) e Rafa López, Antoñito, Humberto ou o xoven meta Antonio Navarro, entre outros.
Este venres día 5 de maio o Portus Apostoli atoparase ante a posibilidade de romper estadísticas, de continuar facendo historia con letras de ouro para o pobo noiés reclamando un posto na loita por nada máis e nada menos que o título de Primeira División. Todo iso, apenas catro anos e un día despois da agónica permanencia en Segunda na pista do Rivas Futsal, outra épica que semella quedar lonxe, pero que é preciso ter presente.
Declaracións previas
O desprazamento
O autobús da expedición branca emprendeu viaxe na mañá do xoves. Tras chegar ao hotel en Alcázar de San Juan pola noite, os noieses completarán o último adestramento da semana na mañá o venres, día do partido.
Emisión en directo
O partido emitirase en directo por LaLiga Sports TV e CMM Play a partir das 21:00h do venres 5 de maio.
Árbitros
O madrileño Jorge Moreno Durán e o andaluz Javier Moreno Reina.
Precedentes
·16 de decembro de 2017 | X14 Segunda División 2017/2018 | NPA 3-1 MAN
·21 de abril de 2018 | X29 Segunda División 2017/2018 | MAN 4-1 NPA
·15 de decembro de 2018 | X14 Segunda División 2018/2019 | MAN 4-2 NPA
·27 de abril de 2019 | X29 Segunda División 201872019 | NPA 8-3 MAN
·12 de outubro de 2019 | X5 Segunda División 2019/2020 | MAN 7-3 NPA
·8 de febreiro de 2020 | X20 Segunda División 2019/2020 | NPA 3-3 MAN
·6 de marzo de 2021 | X2 Segunda División – Grupo C 2020/2021 | MAN 1-0 NPA
·10 de abril de 2021 | X6 Segunda División – Grupo C 2020/2021 | NPA 3-2 MAN
·10 de decembro de 2022 | X13 Primeira División 2022/2023 | NPA 2-1 MAN
Comments