top of page

PREVIA X27 | Noia Portus Apostoli FS – Industrias Santa Coloma | Que non haxa dous sen tres

O cadro noiés buscará, este sábado 20 a partir das 17:30h, o seu terceiro triunfo consecutivo que o siga destacando como o mellor colocado na loita pola salvación.
Os madrileños Luis Manuel Manso Martín e Jorge Moreno Durán dirixirán o encontro, con emisión en directo e exclusiva por FEF TV.

(foto: Manuel Lorenzo)

Xa non hai freo para a Primeira División FS, que tras o último parón encara a recta final da competición na xornada 27 que se vén esta fin de semana, a primeira das últimas catro datas para as que aínda queda moito por decidir. Sábeo o Noia Portus Apostoli FS, que tratará de gritar vitoria por terceiro partido seguido na visita ao Mourís de Industrias Santa Coloma.


Os brancos chegarán a esta cita no mellor momento da temporada, que non podía darse en mellor momento. Coas contundentes goleadas ante Palma e en Tudela, o Noia pasou de ser pechacancelas a encabezar o grupo de 4 equipos que pugnan por evitar o descenso, zona coa que agora ten 3 puntos de renda. A situación mudou considerablemente, pero aínda non é definitiva, polo que os noieses apelan ao seu feudo, onde desde xaneiro só deixou escapar 5 puntos, para seguir cercando a permanencia.


Pola súa parte, Industrias Santa Coloma aterrará en Noia en 8º lugar e empatado a 38 unidades nunha encarnizada loita polo PlayOff con Viña Albali Valdepeñas, ao que derrotou no seu último compromiso cun tanto sobre a bucina (4-3). O equipo de Xavi Closas caracterízase por practicar un depurado xogo co balón e a súa gran pegada de cara a portería. Dos 90 goles a favor que acumulan, 18 son de Verdejo, un dos maiores especialistas no golpeo de dez metros, e 17 de Khalid, que será baixa ao estar disputando a Copa África con Marrocos, da mesma forma que Hirata, na Copa Asia con Xapón. Os precedentes sitúan aos cataláns como unha das bestas negras noiesas en Primeira, con tres derrotas en tres partidos, a última na primeira volta o pasado mes de novembro por 3-1 no Pavelló Nou.


Tras remar e remar a contracorrente, por fin a marea se estabilizou cos resultados polos que tanto traballou o vestiario branco nos últimos meses. Agora, a beira da permanencia xa se avista nas proximidades, pero chegar a ela sen afogarse pasa por manter o ritmo de sacrificio, esforzo e talento que sempre achega os puntos e vitorias.


 

Declaracións previas



Entradas

Á venda na páxina web noiafs.compralaentrada.com/eventos/. Se quedan dispoñibles, poñeranse á venda na porta de acceso do Municipal Agustín Mourís a partir das 12:00h. Toda a información sobre a venda de entradas, AQUÍ.


Emisión en directo

O duelo contará coa emisión en directo e en exclusiva a través das cámaras da plataforma de pago FEF TV, por web e app, este sábado 20 a partir das 17:30h.


Árbitros

Luis Manuel Manso Martín e Jorge Moreno Durán, do colexio madrileño. Con Manso Martín o balance é dun empate e unha derrota. E con Moreno Durán, unha vitoria, un empate e catro derrotas. O precedente máis recente desta parella cos noieses, o empate 4-4 ante Viña Albali Valdepeñas no Agustín Mourís o pasado mes de febreiro.


Precedentes

·5 de novembro de 2013 | Dezaseisavos de final Copa do Rei 2013/2014 | NPA 5-4 ISC (AET)


·21 de decembro de 2022 | X15 Primeira División 2022/2023 | NPA 1-4 ISC


·19 de maio de 2023 | X30 Primeira División 2022/2023 | ISC 6-1 NPA


·18 de novembro de 2023 | X12 Primeira División 2023/2024 | ISC 3-1 NPA

bottom of page