Coa permanencia matemática, o conxunto branco céntrase en tratar de derrotar a un dos cadros en mellor forma do campionato para dar un paso máis de cara a obter un histórico oco no Top 8.
O encontro, pertencente á xornada 27, disputarase este sábado 29 de abril ás 19:00h baixo o arbitraxe dos cántabros Sergio Sánchez Llorente e Víctor Toca Campo e con emisión en directo de LaLiga Sports TV.

Co obxectivo da permanencia matemática pechado con chave e cadeado, o Noia Portus Apostoli FS mira xa definitivamente de cara a un novo reto altamente ambicioso, como é terminar por colarse nun PlayOff polo título no que xa ten un pé dentro. Meter algo máis o antes posible pasa por sumar na visita do Jimbee Cartagena á fortaleza do Agustín Mourís, este sábado 29 de abril ás 19:00h, en choque da xornada 27.
O 3-6 do pasado venres en Anaitasuna permitiu aos noieses (7º con 37 puntos) saborear o triunfo por décima vez en Liga este curso e romper a xeira de tres xornadas sen gañar, con dous empates ante Jaén e Betis e unha derrota en Palma. Marlon Velasco ten a baixa segura de Marcelo, cun partido de sanción tras a vermella directa vista en Pamplona, nun duelo no que, ademais de valer por acercarse ao PlayOff, os brancos pretenderán manter a súa condición de invictos como locais na segunda volta.
Aínda que para segunda volta, a do Jimbee Cartagena. O opoñente noiés nesta xornada 27 é, de feito, o mellor equipo neste tramo de curso, con 7 vitorias, 3 empates e 1 soa derrota que o auparon ata a cuarta posición con 49 puntos, dous por riba do 5º e a outros dous do 3º. Datos aos que hai que sumar o subcampionato de Copa do Rei, despois de caer de forma agónica na final contra o Barça. Os de Duda, na súa cuarta campaña ao frente dos meloneiros, aglutinan unha gran cantidad de talento nas súas filas e puntos fortes nos seus esquemas. Basta ver a presenza de xogadores como Lucão (21 goles, será baixa en Noia), Mellado ou Waltinho, entre outros. Ademais, no mercado de inverno engadiron ao seu xa de por si forte bloque ao xoven pivote internacional Pablo Ramírez, procedente de BeSoccer CD UMA Antequera.
Agarda outra grande tarde de fútbol sala por diante no Agustín Mourís, que terá a ben en corresponder como sabe a un plantel e corpo técnico que veñen de lograr unha xesta para o deporte noiés e xa pensan en superar unha nova barreira de enormes dimensións, inimaxinable para calquera hai apenas uns meses e que hoxe está moi cerca de converterse en realidade.
Declaracións previas
Entradas
NON SOCIOS: 20€
XUVENIL (non socios entre 14 e 17 anos): 15€
INFANTIL (non socios menores de 14 anos): 10€
SOCIOS: GRATIS
Nenos/as da Escola Deportiva do club que non sexan socios/as: 5€ de desconto.
Á venda no local social (Rúa Carcasía, 7) se quedaran dispoñibles, o sábado 29 no local social de 12h a 13h e en taquilla do Municipal Agustín Mourís o mesmo día a partir das 17:00h.
Emisión en directo
LaLiga Sports TV emitirá en directo o encontro este sábado 29 a partir das 19:00h.
Árbitros
Os cántabros Sergio Sánchez Llorente e Víctor Toca Campo.
Precedentes
·5 de decembro de 2022 | X12 Primera División 2022/2023 | CAR 2-1 NPA
Comments