top of page

PREVIA X26 | ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS - Noia Portus Apostoli FS | Duelo directo por un mesmo obxectivo

Enfrontamento de vital importancia na loita pola permanencia entre tudelanos e noieses, estes últimos con ambición de prolongar o gran triunfo da pasada xornada.
Os manchegos Carlos Rodrigo Miguel e Fermín Ángel Sánchez-Molina Tapiador dirixirán o choque, este sábado 6 de abril ás 18:00h en directo e en exclusiva por FEF TV.

Rufino (esquerda) e Bonino (dereita) durante un adestramento (foto: Manuel Lorenzo)

Este sábado ás 18:00h dispútase no Ciudad de Tudela un duelo marcado con cor vermella na loita pola salvación, no que ata dous equipos, máis aló dos que saltarán ao parqué, terán postas as miradas de esguello. ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS e Noia Portus Apostoli FS chegan a este encontro da xornada 26 cos mesmos 21 puntos e unha oportunidade de ouro de abrir oco coa zona de descenso.


O espectacular triunfo do pasado domingo ante Mallorca Palma Futsal supuxo para os noieses un reforzo tanto clasificatorio, abandonando a última praza e posicionándose en postos de permanencia, como moral, co que supón romper a xeira de catro derrotas seguidas e gañarlle con goleada incluída ao campión de Europa. Agora, a intención dos brancos é prolongar esa gran actuación nun choque que pode ser clave no devir final da táboa.


Se para o Portus Apostoli é unha nova final, con cinco no contador, para ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS máis do mesmo. Os navarros apelan á súa maior fortaleza como locais, onde lograron 13 dos seus 21 puntos, para sacar unha importante vitoria no que ademais será un tramo, a priori, máis favorable con respecto ao que terá nas súas últimas citas. Tras recibir aos noieses e visitar a outro rival directo como Family Cash Alzira, os de Juanma Marrube enfrontaranse a tres cocos, como son ElPozo Murcia (L), Jaén Paraíso Interior FS (V) e Mallorca Palma Futsal (L).


O conxunto do técnico galego mudou en comparación ao que caeu na primeira volta no Agustín Mourís (2-1). Marcharon Deko, Jonhn Lennon, Charraoui e Lahuerta, e chegaron Joao Silva, Matheus Dener (actualmente lesionado), Dani Montes e Víctor Montes para aportar máis empaque e experiencia na empresa da salvación. Carlos Bartolomé é o máximo artilleiro con 12 dianas, seguido polas 8 de Tripodi e David García, nun ataque no que sobresaen as habituais incorporacións do seu gardameta, Adrián Pereira. No seu último partido, sacaron nos últimos segundos un importante punto da pista de Viña Albali Valdepeñas (3-3).


As cousas non lle sorrín ao Noia Portus Apostoli FS esta temporada como visitante, cunha soa vitoria lonxe do Mourís, a pesar de actuacións de gran mérito como a última salida en Jaén. De novo, e ao igual que a pasada semana, os brancos quererán cambiar esas “cousas” nun momento decisivo do curso.


 

Declaracións previas



O desprazamento

A media mañá e en autobús puxo rumbo este venres a expedición do Noia Portus Apostoli FS ao seu hotel de concentración en Castejón, nas proximidades de Tudela, con chegada prevista sobre as 22:00h. Na mañá do sábado realizarán unha sesión de activación como último preparativo previo ao encontro.


Emisión en directo

Este sábado 6 de abril ás 18:00h en directo e en exclusiva a través da plataforma de pago FEF TV, en web e app.


Árbitros

Carlos Rodrigo Miguel e Fermín Ángel Sánchez-Molina Tapiador, do comité manchego. Con esta parella, 1 derrota en Liga e 1 derrota en Copa do Rei.


Precedentes

·10 de decembro de 2013 | Oitavos de final Copa do Rei 2013/2014 | NPA 0-5 TRN


·1 de outubro de 2022 | X3 Primeira División 2022/2023 | TRN 2-3 NPA


·28 de xaneiro de 2023 | X18 Primeira División 2022/2023 | NPA 3-2 TRN


·15 de novembro de 2023 | X11 Primeira División 2023/2024 | NPA 2-1 TRN


bottom of page