top of page

PREVIA X25 | Noia Portus Apostoli FS – Mallorca Palma Futsal | Domingo de reacción

Os noieses buscan un golpe de efecto ante a visita do actual campión de Europa, este domingo 31 de marzo a partir das 13:00h, en directo e en exclusiva por FEF TV.
Jorge González Moreta e Luis Sánchez Chamorro, do comité madrileño, serán os árbitros do encuentro.

Power buscando un pase ante Bonino nun adestramento (foto: Manuel Lorenzo)

A loita pola salvación do Noia Portus Apostoli FS continúa este domingo 31 de marzo ás 13:00h, co primeiro dos seis partidos que restan desta Primeira División FS 2023/2024, no que o Mallorca Palma Futsal, 4º clasificado e campión de Europa, visita o Municipal Agustín Mourís na 25ª xornada.


Dúas semanas pasaron xa do duro trago que tiveron que asumir os noieses en Jaén. O triunfo parcial do que gozaban a escasos dous minutos do final, e que se lles escapou de maneira moi cruel, tería suposto saír do descenso. A opción de abandonar esa zona segue estando a dous puntos, con 18 por disputarse. E se algo positivo deixou a viaxe ao Olivo Arena, máis aló da boa actuación, foi o regreso ás convocatorias de Henrique e Lluc, este último incluso con minutos de xogo, o que permitirá contar, se non hai máis imprevistos, con todo o plantel ao completo a excepción de Attos, lesionado de larga duración.


Non houbo parón para o rival noiés, un Mallorca Palma Futsal que se quedou preto de plantarse na súa primeira final de Copa de España, tras gañar en cuartos a Movistar Inter (1-2) e caer a penaltis en semis contra o despois campión, Barça (1-1, 4-3 na quenda). Os baleares son xa un equipo totalmente instalado na nobreza europea e incluso mundial, coa Intercontinental lograda o pasado mes de decembro. En pouco máis dun mes, disputarán a súa segunda Final Four seguida de UEFA Futsal Champions League, na que intentarán revalidar o cetro continental. Conta o seu adestrador, Antonio Vadillo, con argumentos para iso, froito dun bloque con moitas e variadas armas. Entre elas, tres ex noieses: Bruno Gomes, Marcelo e o último en chegar, Neguinho. En Liga, os mallorquinos sitúanse 4º con 43 puntos, cun triunfo por 7-3 ante Viña Albali Valdepeñas como último resultado. O seu máximo anotador é Tayebi, con 13 dianas, seguido de preto polas 11 de Bruno Gomes e as 10 de Cléber e Fabinho. Como dato alentador para os brancos, o Mallorca Palma Futsal sofre algo máis lonxe da illa, encaixando como visitantes 6 das súas 9 derrotas.


Cambia o horario para esta xornada, tamén a hora (ás 02:00h serán as 03:00h) e os noieses tratarán de que muden máis cousas. Tras catro derrotas consecutivas e coa urxencia de sumar sexa contra quen sexa, chega o que debe ser un “domingo de reacción”, nunca “resurrección”, porque este equipo segue demostrando semana tras semana que está moi vivo.


 

Declaracións previas



Emisión en directo

O partido contará coa emisión en directo e en exclusiva a través da plataforma de pago FEF TV, por web e app, este domingo 31 a partir das 13:00h.


Árbitros

Jorge González Moreta e Luis Sánchez Chamorro, do comité madrileño. Coa arbitraxe de González Moreta, 2 vitorias, 1 empate e 3 derrotas, mentres que con Sánchez Chamorro o balance é de 1 vitoria e 2 derrotas.


Precedentes

·19 de novembro de 2022 | X9 Primeira División 2022/2023 | NPA 2-2 MPF


·21 de febreiro de 2023 | 1/4 de final Copa do Rei 2022/2023 | MPF 4-2 NPA


·25 de marzo de 2023 | X24 Primeira División 2022/2023 | MPF 5-1 NPA


·24 de maio de 2023 | PlayOff Primeira División 2022/2023 - 1/4 de final – Partido 1 | MPF 8-2 NPA


·27 de maio de 2023 | PlayOff Primeira División 2022/2023 – 1/4 de final – Partido 2 | NPA 3-4 MPF (AET)


·11 de novembro de 2023 | X10 Primeira División 2023/2024 | MPF 2-1 NPA

bottom of page