top of page

PREVIA X24 | Jaén Paraíso Interior FS - Noia Portus Apostoli FS | Romper os prognósticos

Os noieses visitan o pavillón do terceiro clasificado, un dos máis impoñentes da categoría, co reto de dar a sorpresa.
José Javier Cidoncha Cortés e Sergio Salomé Vizuete, do comité estremeño, dirixirán o encontro este sábado 16 a partir das 18:00h, con emisión en directo e exclusiva por FEF TV.

Machado encara a Altamirano nun adestramento (foto: Manuel Lorenzo)

A seguinte final pola salvación leva ao Noia Portus Apostoli FS a unha misión e escenario de altura. Os brancos tratarán de tomar o Olivo Arena, e, nel, a todo un Jaén Paraíso Interior FS, 3º da táboa clasificatoria e empatado co Barça na condición de mellor local da Primeira División FS, este sábado 16 ás 18:00h pola xornada 24 ligueira.


O Portus Apostoli enfróntase a un reto de aínda maior dificultade que o do pasado venres, onde só o acerto lles separou de lograr algún punto na visita de ElPozo Murcia Costa Cálida a Noia. Afortunadamente, unha semana despois, a vida segue case igual na zona baixa da táboa, coa excepción de que o punto sumado por Family Cash Alzira supón que agora é o Real Betis Futsal o que acompaña aos noieses nos postos de descenso. Saír deles continúa, a expensas do que fagan os rivais nos seus respectivos compromisos, a dous puntos.


Nunha pelexa moi distinta se atopa o Jaén Paraíso Interior FS. Os amarelos, clasificados á Final Four de Copa do Rei e que a próxima semana defenderán en Cartagena o seu trono de campión da última edición da Copa de España, van directos en Liga ao seu obxectivo de repetir presenza no PlayOff polo título, onde só fallaron 1 vez nos últimos 7 cursos, quedando subcampións no pasado. Actualmente, posiciónanse 3º con 41 puntos, a 4 do 2º ElPozo e a 6 do líder Barça.


Xogar contra Jaén é facelo contra o equipo que máis e mellor utiliza a súa extrema competitividade no 40x20, sobre todo nun Olivo Arena que, xunto ao Palau, é o feudo máis inexpugnable do campionato. Alí fan as delicias dos máis de 6.000 espectadores que se congregan nas súas bancadas, enfervorecidos polas paradas de Espíndola, a voracidade de Chino (15 dianas), os goles de Mati Rosa e Alan Brandi, a maxia de Dani Zurdo e a garra exemplificada por Taborda, como destacables dun plantel capaz de todo e que non se pon límites.


De todo iso se terá que esquecer o Noia Portus Apostoli FS desde o momento no que a parella arbitral indique o comezo do encontro. Incluso tamén dos seus números como visitante, que o colocan na última praza da Liga nesa condición, con só 1 triunfo e 2 empates. Por aí debe empezar o conxunto noiés a labrar unha actuación que faga saltar polos aires todos os prognósticos e supoña o primeiro paso para saír desa posición.


 

Declaracións previas



O desprazamento

A expedición noiesa puxo rumbo á comunidade andaluza por estrada na noite do xoves. O venres pola tarde completarán o seu último adestramento previo ao partido na pista do Olivo Arena.


Emisión en directo

Este sábado 16 de marzo ás 18:00h en directo e en exclusiva a través da plataforma de pago FEF TV, en web e app.


Árbitros

José Javier Cidoncha Cortés e Sergio Salomé Vizuete, do comité estremeño. Coa arbitraxe de Cidoncha Cortés os noieses acumulan unha vitoria e un empate, mentres que con Salomé Vizuete outra vitoria e o mesmo empate.


Precedentes

·12 de novembro de 2022 | X8 Primeira División FS 2022/2023 | JPI 4-3 NPA


·18 de marzo de 2023 | X23 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 3-3 JPI


·4 de novembro de 2023 | X9 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 2-4 JPI


Comments


bottom of page