top of page

PREVIA X24 | Mallorca Palma Futsal-Noia Portus Apostoli FS | Visita ao inexpugnable Son Moix

Os brancos regresan á pista mallorquina, onde caeron eliminados da Copa do Rei, coa intención de arrancarlle o invicto como local ao cadro balear.
Samuel Gabaldón Rico e Óscar Ropero Lara, do colexio valenciano, serán os árbitros do partido, que contará con emisión en directo por LaLiga Sports TV a partir das 19:00h do sábado 25.
Henrique suxeita o balón ante a mirada de varios compañeiros nun adestramento (foto: Manuel Lorenzo)

Último pasiño do “Tourmalet” para o Noia Portus Apostoli FS, coa viaxe a Palma para enfrontarse, en partido da xornada 24 de Liga, ao segundo clasificado e mellor local do campionato. Outro reto para os noieses, que nas dúas primeiras partes da ascensión sumaron uns increíbles 4 de 6 puntos posibles.


Sin ningún tipo de medo, ao contrario, cargados de ilusión e ambición toman os brancos o voo cara terras baleares. Uns sentimentos motivados polos excelentes resultados recentes ante Barça e Jaén, ademais da posición na táboa, un oitavo lugar con 33 puntos que permite soñar coa proeza da clasificación ao PlayOff polo título.


De sobra coñecen os de Marlon Velasco ao rival que lles agarda este sábado 25 a partir das 19:00h. Ata tres veces se viron as caras xa esta temporada, unha en duelo amistoso e dúas en oficial. A máis fresca, hai apenas un mes, en compromiso de Copa do Rei. Os de Vadillo, que non estará esta fin de semana no banco por sanción, venceron por 4-2 nun axustado choque que non se decidiu ata o final nun pavillón de Son Moix que tamén será o escenario do duelo vindeiro.


Sobran as palabras cun conxunto que atesora a calidade e a solidez de Mallorca Palma Futsal. Segundo clasificado con 52 puntos (cun partido máis xogado, o triunfo por 3-5 do pasado martes contra o Real Betis Futsal, adiantado da X28), equipo máis goleador da categoría, só cedeu un empate na súa pista e que ademais estará presente nas Final Four de UEFA Futsal Champions League e Copa do Rei. Ata catro xogadores se sitúan en dobles díxitos anotadores, Cléber (15 goles), Tayebi (11), Mancuso (10) e Rivillos (10).


Rampa final da ascensión para un Noia Portus Apostoli FS que demostrou nas dúas anteriores ter pernas e corazón de sobra para dar outra campanada, unha que sería especialmente importante xusto antes do parón ligueiro da próxima semana.


 

Declaracións previas




O desprazamento


A expedición branca aterrizou en Palma sobre as 16:00h do venres. O sábado pola mañá realizarán no Pabellón Joan Seguí de Son Rapinya o último adestramento antes do partido. Tras o mesmo, os noieses pasarán noite no seu hotel de concentración, coa volta a Noia prevista para o domingo pola tarde.


Emisión en directo


O encontro emitirase en directo por LaLiga Sports TV a partir das 19:00h do sábado 25 de marzo.


Árbitros


Os valencianos Samuel Gabaldón Rico e Óscar Ropero Lara.


Precedentes


·31 de agosto de 2018 | Trofeo Burela Bonita | NPA 0-7 PAL

·21 de agosto de 2019 | III Trofeo Portus Apostoli | NPA 2-3 PAL

·27 de agosto de 2021 | IV Trofeo Portus Apostoli | NPA 2-4 PAL

·26 de agosto de 2022 | Semifinais V Trofeo Portus Apostoli | NPA 2-1 PAL

·19 de novembro de 2022 | X9 Primeira División 2022/2023 | NPA 2-2 PAL

·21 de febreiro de 2023 | Cuartos de final Copa do Rei 2022/2023 | PAL 4-2 NPA

Comments


bottom of page