top of page

PREVIA X23 | Noia Portus Apostoli FS-Jaén Paraíso Interior FS | Volta a casa un mes despois

Tras a histórica vitoria contra o Barça no Palau, o cadro noiés recibe ao terceiro clasificado e campión de Copa no Mourís, a onde regresa vinteoito días despois do seu último partido como local.
Os madrileños Hector Mayo López e Carlos Panadero Díaz-Concha dirixirán o encontro este sábado 18 a partir das 18:30h, con emisión en directo por LaLiga Sports TV.
Lluc encara a Douglas nun adestramento (foto: Manuel Lorenzo)

28 días despois da incrible goleada por 8-2 contra o Viña Albali Valdepeñas, o Portus Apostoli regresa ao Agustín Mourís. Entre medias, unha proeza máis grande se cabe, co triunfo no Palau Blaugrana da semana pasada, que xa queda atrás ante a próxima visita do Jaén Paraíso Interior FS, recente campión da Copa de España, ao feudo noiés.


Coa moral polas nubes e uns 32 puntos que selan unha permanencia virtual tras 22 partidos, o Noia Portus Apostoli FS atópase nunha situación idílica con respecto aos seus obxectivos de inicio de curso. Cifras que invitan a pensar incluso na posibilidade de loitar por algo máis histórico aínda que a salvación, que é o que sería a clasificación ao PlayOff polo título na primeira campaña do club na elite. Nestes momentos, os noieses ocupan a 7ª praza con 7 puntos de diferenza sobre a 9ª, a dun Real Betis Futsal que será, tras o Jaén, o próximo en visitar o Mourís.


Os xienenses calcaron os números ligueiros dos nosos neste 2023 (16 puntos de 21 posibles, só superados polos 18 de 21 de ElPozo), un ano que comezaron cun gran estado de forma. Confírmano estas estadísticas e, sobre todo, a conquista en Granada da súa terceira Copa de España, derrotando a Mallorca Palma Futsal, ElPozo Murcia e Movistar Inter. Na clasificación, os amarelos son 3º con 46 puntos, só 3 por detrás de Mallorca Palma e a 6 do líder, o Barça.


Un conxunto caracterizado, ademais de pola súa calidade, pola súa eterna competitividade é o que dispón Dani Rodríguez, que cumpre a súa 12ª temporada ao frente do Jaén. Nel, destacan xogadores da talla de Chino (máximo goleador da Liga con 22 dianas), Mati Rosa (15 goles, irmán do noso Nico Rosa), Alan Brandi (MVP da Copa de España), Míchel, Taborda ou os gardametas Henrique e Espíndola, entre outros. Non estarán no Mourís por lesión o capitán Mauricio, Nem, Menzeguez e o porteiro Álex González. No duelo da primeira volta, os xienenses leváronse a vitoria por un apretado 4-3, grazas a un penalti convertido por Chino a un minuto do final.


Euforia e alegría instalada no seo do equipo e a afección noiesas, que non queren falar de ningunha maneira de inconformismo. Soñar con facer aínda máis historia pasa por continuar competindo e sumando puntos, tamén en pleno “Tourmalet”, do cal os brancos atravesarán a súa segunda rampa de extrema dureza este sábado 18 a partir das 18:30h.


 

Declaracións previas



Entradas


NON SOCIOS: 20€


XUVENIL (non socios entre 14 e 17 anos): 15€


INFANTIL (non socios menores de 14 anos): 10€


SOCIOS: GRATIS


Nenos/as da Escola Deportiva do club que non sexan socios/as: 5€ de desconto.


Á venda no local social (Rúa Carcasía, 7) en horario de atención ao público de 12h a 13h e 18h a 19h e, se quedaran dispoñibles, o sábado 18 en taquilla do Municipal Agustín Mourís a partir das 16:30h.


Emisión en directo


LaLiga Sports TV emitirá en directo o encontro este sábado 18 a partir das 18:30h.


Árbitros


Os madrileños Hector Mayo López e Carlos Panadero Díaz-Concha.


Precedentes


·12 de novembro de 2022 | X8 Primera División 2022/2023 | JPI 4-3 NPA

bottom of page