top of page

PREVIA X22 PRIMEIRA DIVISIÓN FS | Noia Portus Apostoli FS – Osasuna Magna | A deixalo selado na casa

  • Mar 13
  • 3 min read
Venres, 13/03/2026 · 16:07h · Imaxe (de arquivo): Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os noieses buscan unha vitoria (sáb. 14/03, 16:30h. TV: LALIGA+) que certifique definitivamente a permanencia virtual nun Mourís no que non volverán a xogar ata mediados de abril.
Venres, 13/03/2026 · 16:07h · Imaxe (de arquivo): Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os noieses buscan unha vitoria (sáb. 14/03, 16:30h. TV: LALIGA+) que certifique definitivamente a permanencia virtual nun Mourís no que non volverán a xogar ata mediados de abril.

Despois de dous compromisos consecutivos a domicilio, o Noia Portus Apostoli FS regresa a casa esta fin de semana. Iso si, despois non volverá a xogar diante da súa xente ata dentro dun mes. Motivos máis que suficientes para perseguir este sábado 14 ás 16:30h fronte a Osasuna Magna un triunfo que significaría superar a barreira e obxectivo dos 30 puntos e, por tanto, alcanzar a permanencia virtual.


Que a pasada foi, a todos os niveis, unha semana dura é algo innegable. Pero, ante os atropelos sufridos e as inxustizas impostas, ademais das normais dificultades competitivas, o vestiario noiés amosouse máis unido que nunca en Jaén, onde grazas a un exemplar esforzo colectivo conseguiu sumar un puntazo ante un gran equipo e nunha das prazas máis esixentes do campionato. Engadindo a iso o botín dos tres puntos na recuperación da xornada 18, conforma un 4 de 6 lonxe da casa fundamental para deixar a tiro a salvación.


Semana de traballo habitual no Mourís | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
Semana de traballo habitual no Mourís | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

Agora é, na volta ao fogar, onde os noieses quererán poñerlle o selo. Non o terán nada sinxelo, ante un rival que se xoga moito. Para a cita, David Palmas ten as baixas confirmadas de Leozin, Diego e David Pazos por lesión e de Macedo por lesión e sanción, nunha convocatoria que poderían completar xogadores do Filial.


Osasuna Magna, necesitado de puntos


O conxunto navarro, un dos clásicos da categoría, está afrontando unha campaña difícil. Tras 21 partidos, sitúanse no bordo da zona de descenso, 14º con 21 puntos e un colchón de 7 sobre os postos a evitar. Todos os equipos presentes na parte de abaixo da táboa apretan no tramo final de curso, entre eles os de Miguel Hernández, que chegan nunha serie de tres partidos sumando dos últimos catro -un triunfo e dous empates-, pero aínda coa necesidade de sumar. Dani Saldise, con 10 dianas, é o máximo realizador dun cuadro no que tamén destacan o galego Pachu, o brasileiro Linhares -que será baixa- e o porteiro internacional español Asier Llamas, entre outros nomes dun Osasuna Magna cuxa filosofía de xogo combinativo e alegre é perenne e innegociable. No seu anterior compromiso, os verdes igualaron (3-3) en Anaitasuna fronte ao Quesos El Hidalgo Manzanares FS.



Declaracións previas


Entradas

Á venda na páxina web noiafs.compralaentrada.com/eventos. Se quedan dispoñibles, poñeranse á venda na porta de acceso do Municipal Agustín Mourís o día de partido a partir das 15:00h.


Emisión en directo

O duelo contará coa emisión en directo e en exclusiva a través de LALIGA+ (baixo subscripción), por web e app, este sábado 14 a partir das 16:30h.


Árbitros

Alberto Carrión Álvarez, do comité castelán-manchego, e Jesús Almeida León, do comité palmense. Balance dun empate e unha derrota con Carrión Álvarez; será o primeiro partido dirixido por Almeida León aos noieses.


Precedentes (balance oficial: 4V-0E-4D)

·8 de novembro de 2016 | Oitavos de final Copa do Rei FS 2016/2017 | NPA 2-3 OSA


·3 de decembro de 2022 | X11 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 1-2 OSA


·21 de abril de 2023 | X26 Primeira División FS 2022/2023 | OSA 3-6 NPA


·23 de setembro de 2023 | X3 Primeira División FS 2023/2024 | OSA 2-1 NPA


·14 de febreiro de 2024 | X18 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 7-3 OSA


·1 de novembro de 2024 | X4 Primeira División FS 2024/2025 | OSA 2-1 NPA


·25 de febreiro de 2025 | X20 Primeira División FS 2024/2025 | NPA 5-1 OSA


·3 de outubro de 2025 | X5 Primeira División FS 2025/2026 | OSA 1-2 NPA

Comments


bottom of page