top of page

PREVIA X22 PRIMEIRA DIVISIÓN FS | Noia Portus Apostoli FS – CD Burela FS | Derbi para seguir mirando cara arriba


Sábado, 15/03/2025 · 12:30h · Imaxe: Foto Pichero | Os brancos encaran o segundo enfrontamento galego do curso (dom. 16/03, 13:00h, FEF TV) coa motivación ao máximo de cara a prolongar a dinámica positiva.


Por primeira vez na súa historia, o Municipal Agustín Mourís vivirá un derbi galego na elite do fútbol sala, co Noia Portus Apostoli FS recibindo no seu mellor momento da temporada a un rocoso CD Burela FS este domingo 16 de marzo ás 13:00h, pola 22ª xornada de Primeira División FS.


O parón competitivo post febreiro da pasada semana foi unha necesaria bocalada de aire tras 6 partidos en 20 días, pero tamén supuxo un stand by á gran progresión do bloque noiés, que logrou no segundo mes do ano 9 puntos de 18 posibles. Iso é máis da metade dos 16 que agora posúe, situado nunha 14ª praza que o mantén fóra de postos de descenso. Unha forma á alza que os brancos tratarán de reenganchar nunha xornada que pode marcar camiños, con varios duelos directos entre equipos envoltos na pelexa pola permanencia.


A punto de selala pode estar o CD Burela FS. Os de David Rial son unha das sorpresas positivas do curso. Un dos ascendidos, a súa 11ª posición con 23 puntos colócaos con 8 sobre a zona vermella. Un importante colchón gañado a base de solidez defensiva e rendibilizar ao máximo as súas oportunidades de cara a gol. E é que, a pesar de que os separen 7 puntos na táboa, en canto ás dianas a diferenza entre noieses (36 a favor e 55 en contra) e bureleses (38 anotados e 50 encaixados) non é tan significativa. O primeiro enfrontamento foi boa proba diso, co equilibrio reinando no derbi de Vista Alegre, finalizado 2-2. Tras ese duelo, os laranxas perderon no mercado invernal a Meira e Malaguti, pero sumaron a Marc Campàs a un curto plantel no que resaltan o muro Kaluza, os goleadores Isma, Juninho e Rikelme (os tres con 6), xunto á seguridade defensiva de Araya e Alberto como columna vertebral. No seu anterior encontro, os de A Mariña lucense empataron na casa ante Industrias Santa Coloma (1-1).


O 4 de xaneiro, no primeiro derbi da campaña, comezou a reacción. En Burela quedou por fin unha versión do Portus Apostoli sen confianza nin resultados. Deixárona atrás equipo e afección, nunha comuñón perfecta a replicar este domingo no segundo enfrontamento, nun Agustín Mourís que apunta a cheo e cun Noia coa ilusión e as ganas a rebosar nun derbi que se presume de altísima igualdade e, de seguro, será a festa do fútbol sala galego.


 

Declaracións previas


Entradas

PARTIDO NOMEADO “DÍA DO CLUB”. Últimas entradas á venda na páxina web noiafs.compralaentrada.com/eventos. Se quedan dispoñibles, poñeranse á venda na porta de acceso do Municipal Agustín Mourís o domingo a partir das 11:30h.



Emisión en directo

O duelo contará coa emisión en directo e en exclusiva a través da plataforma de pago FEF TV, por web e app, este domingo 16 a partir das 13:00h.



Árbitros

Jorge González Moreta e Luis Sánchez Chamorro, do comité madrileño. Balance con González Moreta de catro vitorias, un empate e catro derrotas. Con Sánchez Chamorro, catro gañados e tres perdidos.


Precedentes

·1 de novembro de 2011 | Copa do Rei FS 2011/2012 – 1/32 de final | NPA 2-3 BUR


·31 de outubro de 2012 | XXII Copa Galicia FS – 1/4 de final | NPA 1-6 BUR


·23 de decembro de 2017 | X15 Segunda División FS 2017/2018 | BUR 0-2 NPA


·6 de febreiro de 2018 | XXVII Copa Galicia FS – 1/4 de final | NPA 2-5 BUR


·28 de abril de 2018 | X30 Segunda División FS 2017/2018 | NPA 3-5 BUR


·8 de decembro de 2018 | X13 Segunda División FS 2018/2019 | NPA 2-9 BUR


·13 de abril de 2019 | X28 Segunda División FS 2018/2019 | BUR 3-3 NPA


·9 de xaneiro de 2021 | XXIX Copa Galicia FS – Final | BUR 5-2 NPA


·13 de abril de 2022 | XXX Copa Galicia FS – Ida de semifinais | NPA 5-3 BUR


·3 de maio de 2022 | XXX Copa Galicia FS – Volta de semifinais | BUR 3-1 NPA (penaltis, 1-3)


·4 de xaneiro de 2025 | X13 Primeira División FS 2024/2025 | BUR 2-2 NPA

コメント


bottom of page