top of page

PREVIA X22 | Family Cash Alzira FS - Noia Portus Apostoli FS | Unha final

Último e penúltimo da clasificación, separados por dous puntos, vense as caras nun duelo directo de suma importancia pola salvación.
Héctor Mayo López e Carlos Panadero Díaz-Concha, do comité madrileño, arbitrarán o partido este martes 5 ás 20:00h, con emisión en directo por FEF TV.

Imaxe do adestramento do luns en Alzira (foto: Manuel Lorenzo)

Vale por tres puntos como as outras 29 xornadas ligueiras e non se disputa ningún título, pero a visita do Noia Portus Apostoli FS á pista do Family Cash Alzira FS, este martes 5 ás 20:00h pola 22ª xornada da Primeira División FS, ten moita pinta a final. Agarrarse á salvación é a misión de ambos conxuntos, que chegarán a esta cita como os dous últimos na clasificación.


Para o Noia Portus Apostoli FS será o fin deste tour pola Comunitat Valenciana que comezou co duelo do pasado sábado en Peñíscola. A falta de contundencia e puntería privaron aos nosos de derrotar aos peñiscolanos, que se separan un pouco do tren no que continúan, unidos a noieses e alzireños, Real Betis Futsal e ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS, con só 4 puntos entremedias. No envite do Juan Vizcarro recuperou o Noia, finalmente, a Douglas. O brasileiro realizou o seu debut oficial este curso tras solucionar trámites burocráticos no seu país.


Igual que en Peñíscola, Alzira será un escenario hostil para os noieses neste cara a cara pola permanencia. Os dirixidos por Braulio Correal reenganccáronse a unha loita que por momentos semellaba moi lonxe cun gran final de 2023 e comezo de 2024, logrando 13 dos 16 puntos que agora suman en 5 partidos entre decembro e febreiro. Dúas derrotas ante Barça (1-4) e Viña Albali Valdepeñas (5-0) foron os seus últimos resultados, pero deixando boa proba da súa competitividade, cun cadro no que destaca o habilidoso Gon Castejón e que en inverno viu como saían Carlitos e Gustavao, pero a cambio chegaban dous brasileiros de rendemento inmediato en Tiago Selbach e Pesk, ademais do xoven Gustavo Barbosa e a recuperación do mancado Eric Panés. Para o enfrontamento de martes será baixa Nacho Serra, porteiro habitual entre paus, tras ver a vermella directa no Virgen de la Cabeza. Nas filas alzireñas militan dous ex Noia, Joaki (que anotou no triunfo noiés por 2-1 da primeira volta) e Álex Naranjo.


No Palau d’Esports de Alzira comezou, alá por setembro de 2021, o camiño a un histórico ascenso á elite. Medio ano despois, o Noia Portus Apostoli FS regresará a ese escenario coa oportunidade, o reto, a ambición e a convicción de que aí mesmo ten que empezar o rumbo que alargue o soño unha temporada máis. E se iso non merece a denominación "final", poucas cousas poden facelo.


 

Declaracións previas



O desprazamento

Tras o partido en Peñíscola, a expedición noiesa puxo rumbo ao seu novo hotel de concentración en Valencia. O domingo realizaron unha sesión de adestramento en Alboraia e o luns a última e definitiva no Palau d’Esports de Alzira, escenario do partido do martes.


Emisión en directo

O encontro contará con emisión en directo este martes 5 de marzo ás 20:00h a través da plataforma de pago FEF TV, en web e app.


Árbitros

Héctor Mayo López e Carlos Panadero Díaz-Concha, do comité madrileño. Con esta parella, os noieses acumulan 1 vitoria, 3 empates e 1 derrota.


Precedentes

·28 de setembro de 2019 | X3 Segunda División 2019/2020 | ALZ 3-4 NPA


·25 de xaneiro de 2020 | X18 Segunda División 2019/2020 | NPA 2-2 ALZ


·11 de setembro de 2021 | X1 Segunda División 2021/2022 | ALZ 2-4 NPA


·8 de xaneiro de 2022 | X18 Segunda División 2021/2022 | NPA 3-2 ALZ


·21 de outubro de 2023 | X7 Primeira División 2023/2024 | NPA 2-1 ALZ


bottom of page