top of page

PREVIA X22 | Barça-Noia Portus Apostoli FS | O “Tourmalet” arranca no Palau

O conxunto noiés visita ao líder no regreso do parón de seleccións, no primeiro de tres encontros consecutivos contra os actualmente tres primeiros clasificados da táboa.
Os árbitros aragoneses José Lázaro Angulo e Tomás Santander Flamarique dirixirán o partido este sábado 11 a partir das 17:00h, que será emitido por LaLiga Sports TV, a páxina web da TVG e Esport3.
Álex García e Nico Rosa pugnan polo esférico nun adestramento (foto: Manuel Lorenzo)

Regresa a competición ligueira para o Noia Portus Apostoli FS, despois do segundo descanso en cuestión de tres semanas, e faino cunha “visita ao dentista”. O conxunto de Marlon Velasco desprázase este sábado 11 ás 17:00h por primeira vez na súa historia ao Palau Blaugrana, onde agarda nada máis e nada menos que o líder Barça, actual campión de Liga e Europa.


O parón internacional provocou dúas atípicas semanas de traballo nos noieses, que tiveron catro baixas para preparar o duelo do sábado. Altamirano, Power Raggiati, Bruno Gomes e Nejc Hozjan foron os xogadores que se perderon estas dúas semanas de adestramentos ao ser chamados polas súas seleccións. Os tres primeiros reincorporáronse á dinámica o xoves, mentres que Hozjan fíxoo o venres, xusto a tempo para a última sesión previa.


Con similares problemas contou o Barça. Ata 9 xogadores culés foron coas súas seleccións, froito de posuír unha dos planteis máis luxosos de Europa en todos e cada un dos seus postos. Os azulgrana, que a estas alturas xa teñen matematicamente asegurado o seu pase para o PlayOff polo título, chegan a este encontro con 52 puntos en primeira posición. Precisamente é no campionato doméstico, xunto á Copa do Rei, onde depositan todas as súas esperanzas de lograr títulos esta temporada máis aló da Supercopa de España, tendo en conta que xa están eliminados da UEFA Futsal Champions League e que foron incapaces de repetir triunfo na Copa de España.


Tras sufrir a súa, ata a data, única derrota como local do curso ante ElPozo Murcia Costa Cálida (2-3), os barcelonistas erguéronse goleando a Jaén (7-2) na Copa do Rei e a Viña Albali Valdepeñas (2-6) en Liga, último resultado antes do parón. Para este choque, o técnico Jesús Velasco podería recuperar ao tres veces mellor xogador do mundo Ferrão, de baixa desde inicios de decembro. A xoia da coroa dun plantel cheo de estrelas tales como Sergio Lozano, Pito, Dyego (será baixa), Adolfo, Dídac ou Sergio González (máximo realizador con 17 dianas), entre outros.


A visita ao Palau é o primeiro dos tres partidos consecutivos que forman o “Tourmalet” particular do Noia, que seguirá ante Jaén e Mallorca Palma, 3º e 2º clasificado actualmente. Moito que gañar e pouco que perder ten o Portus Apostoli neste tramo de competición, que alcanza coa tranquilidade de situarse na oitava plaza, cun meritorio colchón gañado a pulso, e a ambición de intentar plantar cara a tres equipazos, empezando por todo un Barça que na primeira volta xa tivo que suar bastante para levarse os tres puntos.


 

Declaracións previas



O desprazamento


A expedición branca chegou en avión a Barcelona na tarde do venres, despois de realizar o último adestramento previo ao partido. O sábado pola mañá realizarán a sesión de activación que servirá como preparativo definitivo para o encontro da xornada 22.


Emisión en directo


O partido emitirase en directo por LaLiga Sports TV, a páxina web da TVG e Esport3 a partir das 17:00h do sábado 11 de marzo.


Árbitros


Os aragoneses José Lázaro Angulo e Tomás Santander Flamarique.


Precedentes


·5 de novembro de 2022 | X7 Primera División 2022/2023 | NPA 2-4 FCB

bottom of page