Apenas 24 horas despois de chegar de Palma, turno para a segunda viaxe de tres seguidas que agardan aos noieses, que visitan este sábado 25 ás 18:00h a cancha dun rival directo ao que tratarán de deixar aínda máis atrás.
Os castelán-manchegos Alberto Carrión Álvarez e Miguel Romero Candela dirixirán o encontro, que contará coa emisión de LaLiga Sports TV.
Semana de non stop para o Noia Portus Apostoli FS, que tras visitar o pasado martes ao Mallorca Palma Futsal en cuartos de final da Copa do Rei, fai o propio co BeSoccer CD UMA Antequera este sábado 25 ás 18:00h, en partido da Xornada 21 da Primera División.
O conxunto noiés regresou de terras baleares o mércores, eliminado do torneo do KO pero reforzado pola súa boa actuación ante un equipo que xogará a Final Four da UEFA Futsal Champions League, ao que hai que unir a súa boa dinámica recente en Liga, con catro vitorias nos últimos cinco partidos, a última o pasado sábado por 8-2 ante Viña Albali Valdepeñas.
Non chega en tan bo momento o equipo de José Antonio Borrego “Tete”, 10º con 23 puntos na clasificación, que despois de empezar o curso como un tiro e clasificarse á Copa de España, ademais de xogar a Supercopa, só conseguiron unha vitoria en nove encontros, casualmente na anterior xornada ligueira, na cancha do Quesos el Hidalgo Manzanares FS por 4-5. Igual que os noieses, os andaluces tamén caeron eliminados da Copa do Rei esta semana, encaixando un 4-0 na pista do Servigroup Peñíscola FS.
Cobarro e Burrito destacan no apartado goleador, con 13 e 10 dianas, respectivamente, nun equipo ao que coñecen ben os brancos. Vitorioso no PlayOff de ascenso, os antequeranos foron a temporada pasada o equipo que acompañou ao Noia a Primera, engadindo tamén unha histórica conquista da Copa do Rei 21/22. Neses logros foron clave xogadores que hoxe continúan no cadro malagueño, tales como os xa nomeados Cobarro e Burrito, o capitán Miguel, David Velasco, Alvarito, Dani Ramos ou o meta Conejo, entre outros, e aos que sumaron en verán ao ex noiés Pope, Dani Fernández ou Pablo Ordóñez. En inverno, deixaron o equipo Raúl Canto e Pablo Ramírez, este último rumbo a Cartaxena.
Duelo de ascendidos pero tamén revelacións desta temporada, uns méritos acreditados polos resultados colleitados nestas primeiras vinte xornadas e que a bo seguro deixarán claro este sábado 25 ás 18:00h no parqué do Fernando Argüelles.
Declaracións previas
O desprazamento
A expedición branca montouse no bus dirección Antequera na tarde-noite do xoves, chegando ao hotel na mañá do venres. Tras o almorzo, será momento do último adestramento previo. O sábado, tocará activación pola mañá, nos últimos preparativos antes do duelo, que se disputará a partir das 18:00h.
Emisión en directo
O encontro emitirase en directo por LaLiga Sports TV a partir das 18:00h do sábado 25 de febreiro.
Árbitros
Os castelán-manchegos Alberto Carrión Álvarez e Miguel Romero Candela.
Precedentes
·2 de decembro de 2017 | X12 Segunda División 2017/2018 | NPA 0-8 UMA
·7 de abril de 2018 | X27 Segunda División 2017/2018 | UMA 5-0 NPA
·6 de decembro de 2019 | X13 Segunda División 2019/2020 | UMA 4-2 NPA
·23 de outubro de 2021 | X8 Segunda División 2021/2022 | UMA 1-7 NPA
·26 de febreiro de 2022 | X25 Segunda División 2021/2022 | NPA 5-2 UMA
·29 de outubro de 2022 | X6 Primeira División 2022/2023 | NPA 4-4 UMA
Comments