top of page

PREVIA X20 PRIMEIRA DIVISIÓN FS | Noia Portus Apostoli FS – Osasuna Magna | Non pode agardar máis


Luns, 24/02/2025 · 17:35h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Facer mellor o punto de Córdoba e lograr o ansiado triunfo como locais, no foco do Noia (mar. 25/02, 20:30h, FEF TV).


Nova xornada entre semana para o Noia Portus Apostoli FS. E, de novo, na casa, onde os de David Palmas aínda non gañaron este curso (4 empates e 6 derrotas), un mal fario que tratarán de quitarse dunha vez por todas este martes 25 ás 20:30h, coa visita ao Mourís de Osasuna Magna.


A primeira semana de dobre partido do mes traduciuse nun botín de 1/6 puntos para os noieses, grazas ao 2-2 en Córdoba do pasado sábado. Un empate ben valorado polo transcorrer do encontro, pero que a niveles clasificatorios sabe a pouco, nunha zona baixa cada vez máis competitiva, na que o dobre triunfo do ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS devolveu aos noieses a postos de descenso, situados os navarros tres puntos por enriba. Mentres, o Portus Apostoli mira ao que pode controlar, que é o seu, enfocado en alcanzar a hora do choque no mellor estado físico posible, dentro da carga destes esixentes días, para buscar a vitoria.


No outro lado da pista estará un Osasuna Magna nunha situación moito máis tranquila, pero tamén con cousas en xogo. Os de Miguel Hernández quedaron a un paso de meterse na Copa e agora pretenden estabrecerse en postos PlayOff. A pesar de chegar ao Mourís tras caer ante o Quesos Hidalgo Manzanares FS (1-2), a xeira previa de tres triunfos consecutivos permítelles colocarse nese top 8, 7º con 29 puntos, a base dun esquema de xogo recoñecible e vistoso que este curso está ofrecendo grandes froitos. O galego Pachu é o seu máximo goleador, con 11 dianas, seguido polas 9 de Dani Saldise, 7 do canteirán Ion Cerviño e 6 dos brasileiros Juninho e Ligeiro, todos eles parte fundamental do equipo verde xunto ao meta Asier Llamas, o arxentino Geraghty, Toni Escribano ou o capitán Roberto Martil.


20ª xornada ligueira, o que indica que quedan 11 partidos por diante. Deles, 5 disputaraos o Noia Portus Apostoli FS na súa casa, rodeado da súa xente, coa que teñen unha débeda pendente demasiado grande xa. A eles quere darlles xa este martes o merecido primeiro triunfo xuntos que tanto se resiste e que agardan que sexa o inicio da construción dun necesario fortín para a permanencia de aquí ata maio.


 

Declaracións previas



Entradas

Á venda na páxina web noiafs.compralaentrada.com/eventos. Se quedan dispoñibles, poñeranse á venda na porta de acceso do Municipal Agustín Mourís o martes a partir das 19:00h.



Emisión en directo

O duelo contará coa emisión en directo e en exclusiva a través da plataforma de pago FEF TV, por web e app, este martes 25 a partir das 20:30h.


Árbitros

Héctor Mayo López e Carlos Panadero Díaz-Concha, do comité madrileño. O balance noiés con esta parella arbitral é dunha vitoria, catro empates e tres derrotas.


Precedentes

·8 de novembro de 2016 | Oitavos de final Copa do Rei FS 2016/2017 | NPA 2-3 OSA


·3 de decembro de 2022 | X11 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 1-2 OSA


·21 de abril de 2023 | X26 Primeira División FS 2022/2023 | OSA 3-6 NPA


·23 de setembro de 2023 | X3 Primeira División FS 2023/2024 | OSA 2-1 NPA


·14 de febreiro de 2024 | X18 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 7-3 OSA


·1 de novembro de 2024 | X4 Primeira División FS 2024/2025 | OSA 2-1 NPA

Comments


bottom of page