top of page

PREVIA X20 | Noia Portus Apostoli FS – Viña Albali Valdepeñas | Enfrascados na pelexa

Os noieses, ansiosos por dar outra alegría á súa afección e abandonar a zona de descenso, reciben ao conxunto en mellor forma da categoría este sábado 24 ás 16:00h.
O encontro será arbitrado polos madrileños Luis Manuel Manso Martín e Jorge Moreno Durán, con emisión en directo por FEF TV.

Pola e Edu Jabá nunha sesión de adestramento (foto: Manuel Lorenzo)

Tras rozar a proeza por segundo curso seguido no Palau, o Noia Portus Apostoli FS regresa a casa para continuar a súa batalla por eludir a zona vermella e recibir a outro duro contendente. Os brancos enfrontaranse ao equipo en mellor momento da Primeira División FS, o Viña Albali Valdepeñas, este sábado 24 de febreiro ás 16:00h, pola xornada 20 da competición ligueira.


Os noieses marcharon o pasado domingo de Barcelona con boas sensacións e a cabeza arriba, a pesar da derrota o día anterior. Pero de pouco vale iso en medio da ardua pelexa pola salvación, que cada vez se apreta en menos puntos e máis rivais. Ante tal esixencia, sumar convértese case nunha obriga cada fin de semana, estea quen estea diante. Desde o vestiario noiés ansían repetir a atmosfera e o desenlace do último choque no Agustín Mourís para saír da 15ª praza, contra un opoñente que chega en estado de graza, con 6 triunfos consecutivos, e ao que en Primeira, paradoxicamente, só sabe gañarlle (3 vitorias en 3 partidos).


O Viña Albali Valdepeñas tornou as dúbidas en decisión e unha inusual situación nunha escalada ata postos de PlayOff, ocupando agora a 7ª posición con 29 puntos, os últimos 18 consecutivos. Coa suma de 33 goles, Eloy Rojas (13), Eric Martel (10) e Pol Pacheco (10) son a punta de lanza do enorme potencial ofensivo que atesoran os vinateros, xunto a pezas do calibre do iraní Abbasi, un Bynho que vén de facer un hat-trick en Peñíscola ou o internacional Solano. Sumados aos Fernando, Boyis ou Álex González, entre outros, completan un bloque manchego sólido en todas as facetas do xogo e, agora tamén, fiable.


Este sábado 24 en Noia, a hora da sesta transfórmase no momento sinalado para continuar a liña ascendente demostrada desde a vuelta do parón ligueiro. Lograr os tres puntos, como xa fixeron os noieses na primeira volta no Virgen de la Cabeza, sería boa proba diso e un plus antes da dobre visita a dous rivais directos na Comunitat Valenciana da próxima semana, nunha loita pola salvación que, con 11 asaltos por disputarse, non fixo máis que empezar.


 

Declaracións previas



Emisión en directo

O partido poderá seguirse en directo e en exclusiva a través da plataforma de pago FEF TV, en app ou web, a partir das 16:00h deste sábado 24.


Árbitros

Os madrileños Luis Manuel Manso Martín e Jorge Moreno Durán. Unha derrota nun partido en Primeira baixo a arbitraxe de Manso Martín, e con Moreno Durán, unha vitoria e tres derrotas.


Precedentes

·7 de outubro de 2017 | X4 Segunda División 2017/2018 | NPA 1-4 VAV


·3 de febreiro de 2018 | X19 Segunda División 2017/2018 | VAV 3-2 NPA


·15 de decembro de 2020 | Oitavos de final Copa do Rei 2020/2021 | NPA 1-4 VAV


·23 de outubro de 2022 | X5 Primeira División 2022/2023 | VAV 3-4 NPA


·18 de febreiro de 2023 | X20 Primeira División 2022/2023 | NPA 8-2 VAV


·14 de outubro de 2023 | X5 Primeira División 2023/2024 | VAV 2-4 NPA


Comentarios


bottom of page