top of page

PREVIA X19 PRIMEIRA DIVISIÓN FS | Noia Portus Apostoli FS – ElPozo Murcia Costa Cálida FS | De gala para retar ao colíder

  • 9 hours ago
  • 3 min read
Venres, 20/02/2026 · 16:14h · Imaxe (de arquivo): Manuel Lorenzo/Noia PA FS | O Agustín Mourís vestirase coa pista azul (sáb. 21/02, 13:00h. TV: RTVE Play e LALIGA+) no regreso á Liga dos seus cun partidazo.
Venres, 20/02/2026 · 16:14h · Imaxe (de arquivo): Manuel Lorenzo/Noia PA FS | O Agustín Mourís vestirase coa pista azul (sáb. 21/02, 13:00h. TV: RTVE Play e LALIGA+) no regreso á Liga dos seus cun partidazo.

Sen tiempo para recuperarse totalmente da emocionante noite copeira do mércores, o Noia Portus Apostoli FS xa ten ante si outro reto de enorme magnitude. Nun Municipal Agustín Mourís que lucirá a pista azul da RFEF e ante as cámaras de RTVE Play, os brancos mídense ao colíder ElPozo Murcia Costa Cálida FS este sábado 21 ás 13:00h pola 19ª xornada de Primeira División FS.


O soño da Final Four da Copa do Rei FS esfumouse nos seis metros, pero as sensacións no que era a volta á competición máis dun mes despois non puideron ser mellores. O Noia demostrou que o parón, lonxe de pasarlle factura, serviulle para seguir progresando como equipo. Pero a Copa queda atrás e o foco está totalmente posto na Liga, onde os brancos queren conseguir canto antes o obxectivo dos 30 puntos, situándose actualmente a seis diso. David Palmas ten á súa disposición para esta cita a todos os seus xogadores, a excepción do lesionado de larga duración Leozin, polo que terá que facer un descarte para completar convocatoria de catorce.


Pouco adestramento, moita motivación | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
Pouco adestramento, moita motivación | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

Os hándicaps do cansazo físico e mental da prórroga e o ter apenas dúas sesións de traballo condicionado están aí, pero a motivación e un Agustín Mourís que, seguro, volverá a prestarse para provocar a tolemia será o que marque a diferenza en favor de que os noieses poidan lograr o que sería un triunfo xigante en todos os sentidos.


ElPozo, a tapar a fochanca


A situación física non distará moito entre ambos planteles. ElPozo Murcia Costa Cálida FS, ademais de afrontar a larga viaxe ata a Vila, tamén disputou Copa do Rei FS o mércores, caendo eliminado contra o Barça cun duro resultado de 1-7. Esta supuxo a segunda derrota consecutiva dos de Josan González, despois da ligueira fronte ao Quesos El Hidalgo Manzanares FS (4-5), algo que non experimentaran en toda esta temporada, na que se diferenzaran como equipo máis regular -desde a xornada 2 á 17, 12 vitorias e 4 empates- e líder da Liga, condición que agora comparten cos culés con 40 puntos. Os murcianos, iso si, aférranse ao seu invicto como visitantes no campionato para intentar disipar estas dúbidas. No Mourís non poderán contar con Álex García, Ligeiro nin Gadeia, baixas por lesión nunha lista de enorme nivel na que si estarán, entre outros, os Marcel, Rafa Santos, Dener, Bebe, David Álvarez, Edu e os campións de Europa con España, Ricardo e Rivera. Este último, un dos tres ex noieses nas súas filas, xunto ao porteiro Henrique e o segundo adestrador Samu Tojo.



Declaracións previas



Entradas

Á venda na páxina web noiafs.compralaentrada.com/eventos. Se quedan dispoñibles, poñeranse á venda na porta de acceso do Municipal Agustín Mourís o día do partido a partir das 11:30h.


Emisión en directo

O duelo contará coa emisión en directo a través de web e app por RTVE Play (gratis) e LALIGA+ (baixo subscripción), este sábado 21 a partir das 13:00h.


Árbitros

David Pizarro Megías e Jairo Leiva Martínez, do comité andaluz. Balance con esta parella dun empate nun partido.


Precedentes (balance oficial: 1V-3E-4D)

·30 de novembro de 2021 | 1/16 de final Copa do Rei FS 2021/2022 | NPA 5-3 ELP


·15 de outubro de 2022 | X4 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 2-2 ELP


·3 de febreiro de 2023 | X19 Primeira División FS 2022/2023 | ELP 7-2 NPA


·28 de outubro de 2023 | X8 Primeira División FS 2023/2024 | ELP 5-5 NPA


·8 de marzo de 2024 | X23 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 3-5 ELP


·26 de outubro de 2024 | X3 Primeira División FS 2024/2025 | NPA 3-3 ELP


·28 de marzo de 2025 | X23 Primeira División FS 2024/2025 | ELP 3-1 NPA


·12 de setembro de 2025 | X3 Primeira División FS 2025/2026 | ELP 4-0 NPA

Comments


bottom of page