top of page

PREVIA X18 | Noia Portus Apostoli FS – Osasuna Magna | Hora de volver

O parón ligueiro dun mes chega ao seu fin para os noieses este mércores 14 ás 20:00h, cando recibirán a visita dun dos mellores equipos da primeira volta.
Os vascos Aitor Felipe Madorrán e Éder Gómez de Salazar arbitrarán o encontro, con emisión en directo por FEF TV.

Imaxe dunha sesión de adestramento da semana (foto: Manuel Lorenzo)

A pelota volverá a rodar en competición de Primeira División FS, 32 días despois da última vez e tras 53 sen facelo no Agustín Mourís. O parón máis extenso da temporada por fin é historia, e o Noia Portus Apostoli FS inicia contra Osasuna Magna, no primeiro de dous partidos que lle agardan esta semana, o tramo decisivo da campaña, este mércores 14 ás 20:00h.


Durante este mes, o primeiro equipo branco traballou sen pausa na misión de adquirir os conceptos da nova metodoloxía. O amistoso disputado en Portugal deixou proba de ir polo bo camiño, e agora tocará demostralo no regreso ligueiro. Outra das novas positivas de cara á volta é que os noieses poderán contar con Rufino e algúns dos xogadores lesionados antes do receso.


O primeiro rival neste apartado do camiño ao obxectivo do Portus Apostoli será Osasuna Magna, 8º con 25 puntos e durante moitas datas entre as primeiras prazas da Liga na metade inicial de curso. Os verdes sorprenderon a propios e estraños con actuacións que lles permitirán volver á Copa de España. Nelas, foron clave dous xogadores que non estarán en Noia, Fabinho e Linhares (18 goles entre ambos), por sanción e lesión, respectivamente. O primeiro foi protagonista directo no envite de Anaitasuna entre noieses e navarros, facendo co brazo o gol do triunfo de Osasuna no último segundo. Non todo son entradas na enfermería dos de Miguel Hernández, míster de los verdes, xa que o capitán Roberto Martil está de volta nas pistas tras recuperarse dunha lesión de larga duración.


A espera foi longa, pero, dunha vez por todas, xa queda atrás. De aquí ata o 11 de maio veñen tres meses que esclarecerán os destinos de cada equipo, encargados de escribir os últimos episodios dunha Primeira División FS na que o Noia Portus Apostoli FS traballará e xogará para relatar historias máis felices.


 

Declaracións previas


Emisión en directo

O partido poderá seguirse en directo e en exclusiva a través da plataforma de pago FEF TV, en app ou web, a partir das 20:00h deste mércores 14.


Árbitros

Os vascos Aitor Felipe Madorrán e Éder Gómez de Salazar serán os encargados de dirixir o encontro entre noieses e navarros. 1 vitoria en 1 partido arbitrado por Felipe Madorrán, 2 derrotas en 2 partidos con Gómez de Salazar.


Precedentes

·8 de novembro de 2016 | Oitavos de final Copa do Rei 2016/2017 | NPA 2-3 OSA


·3 de decembro de 2022 | X11 Primeira División 2022/2023 | NPA 1-2 OSA


·21 de abril de 2023 | X26 Primeira División 2022/2023 | OSA 3-6 NPA


·23 de setembro de 2023 | X3 Primeira División 2023/2024 | OSA 2-1 NPA

Comments


bottom of page