PREVIA X17 PRIMEIRA DIVISIÓN FS | Noia Portus Apostoli FS – ATP Iluminación Ribera Navarra FS | A por unha importante alegría antes do parón
- Departamento prensa Noia PA FS

- 56 minutes ago
- 2 min read

O Noia Portus Apostoli FS estréase na casa neste 2026 o sábado 10 ás 16:00h, recibindo ao pechacancelas ATP Iluminación Ribera Navarra FS nun relevante partido polo obxectivo da salvación que, ademais, será o último antes do parón dun mes da competición.
Despois do sucedido en Cartaxena, toca borrón e conta nova para os brancos, que pagaron caros todos os seus erros na pista do trisupercampión e bicampión ligueiro o pasado mércores. E ningún lugar mellor para facelo que na casa, onde sumaron 14 dos 21 puntos que os manteñen nunha cómoda 10ª posición, con 13 unidades de diferenza sobre a zona de descenso.

2025 foi un gran ano no Mourís, con só 4 derrotas en 17 partidos oficiais. Terminar de amarrar a meta da permanencia pasará, en boa parte, por seguir facendo do coliseo noiés un fortín inexpugnable para os opoñentes, sobre todo en duelos directos como o desta xornada e cun largo parón á vista.
Os tudelanos, necesitados de puntos
O ATP Iluminación Ribera Navarra FS pecha a táboa con tan só 6 puntos e unha profunda crise de resultados, pero ningunha relaxación debe albergar o cadro de David Palmas. De feito, a única vitoria dos navarros ata a data lográrona ante os noieses no encontro da xornada 7. Os agora dirixidos por Juanito experimentaron un lavado de cara neste mercado de inverno, coas baixas de Chino e Malaguti e as altas de Gustavão, Nicolás Tumkiewicz e Anás. O primeiro xa puido debutar o martes, na derrota (1-5) ante Córdoba Patrimonio de la Humanidad, mentres os outros continúan ata última hora pendentes do transfer.
Declaracións previas
Entradas
Á venda na páxina web noiafs.compralaentrada.com/eventos. Se quedan dispoñibles, poñeranse á venda na porta de acceso do Municipal Agustín Mourís o día do partido a partir das 14:30h.
Emisión en directo
O duelo contará coa emisión en directo e en exclusiva a través de LALIGA+ (baixo subscripción), por web e app, este sábado 10 a partir das 16:00h.
Árbitros
Antonio Jesús García Robles e Javier Moreno Reina, do comité andaluz. Balance con García Robles de un gañado e dous perdidos; con Moreno Reina, tres derrotas.
Precedentes (balance oficial: 5V-0E-3D)
·10 de decembro de 2013 | Oitavos de final Copa do Rei FS 2013/2014 | NPA 0-5 ARN
·1 de outubro de 2022 | X3 Primeira División FS 2022/2023 | ARN 2-3 NPA
·28 de xaneiro de 2023 | X18 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 3-2 ARN
·15 de novembro de 2023 | X11 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 2-1 ARN
·6 de abril de 2024 | X26 Primeira División FS 2023/2024 | ARN 2-7 NPA
·12 de outubro de 2024 | X1 Primeira División FS 2024/2025 | NPA 0-1 ARN
·15 de febreiro de 2025 | X17 Primeira División FS 2024/2025 | ARN 0-3 NPA
·25 de outubro de 2025 | X7 Primeira División FS 2025/2026 | ARN 6-4 NPA











Comments