Necesitan os tres puntos os noieses, que agardan un Municipal que lles acompañe ao máximo na empresa de conseguir unha importantísima vitoria ante un rival histórico e en boa dinámica.
Pitarán o vasco Aitor Felipe Madorrán e o navarro David Urdánoz Apezteguía este sábado 9 ás 18:00h, en directo por FEF TV.
O Noia Portus Apostoli FS prepárase para intentar facer unha caldeira do Agustín Mourís nesta recta final de ano, na que afrontará os seus dous últimos partidos como local, incluído o que pecha a primeira volta, este sábado 9 ás 18:00h contra o Movistar Inter FS.
Que o bloque noiés atravesa un momento complicado non é segredo para ninguén, con 3 derrotas nos últimos 3 encontros ligueiros e situado só 1 punto por riba da zona de descenso. Iso, unido ás baixas que veñen perseguindo toda a temporada, lastraron e lastran a un equipo que cos dous esixentes retos que se aproximan, ante os interistas e nun par de semanas contra Jimbee Cartagena, precisa de todo o apoio no obxectivo de terminar este 2023 na mellor situación posible.
No outro lado da pista estará un cadro en dinámica oposta, a pesar da súa derrota na pasada xornada contra Viña Albali Valdepeñas (2-5). Aínda con ese tropezo, os de Torrejón de Ardoz sitúanse como un dos equipos máis en forma da Primeira División FS, con 16/18 puntos nos anteriores 5 partidos, entre eles o triunfo 2-7 no Palau. 5º na táboa, os agora dirixidos por Alberto Riquer, tras o cese de José Lucas Mena “Pato”, aspiran a seguir escalando postos cos goles dos Raúl Gómez (9), Terry (8) ou Drahovsky (7), os máximos realizadores dun conxunto con moita pegada, e as paradas dun Jesús Herrero en excepcional estado recentemente.
É recurrente dicir, sobre todo en contextos adversos, que “a unión fai a forza” incluso nos peores momentos. Tras unhas cantas temporadas lonxe deles, o Noia Portus Apostoli FS chega ao final deste 2023 precisando desa conexión, dese bonito enlace que aparece de por si no goce e que se torna vital cando veñen mal dadas. O vestiario noiés sabe que o Agustín Mourís non fallará, non debería facelo, para ser esa forza determinante que cambia partidos.
Declaracións previas
Emisión en directo
O partido emitirase en directo por FEF TV este sábado 9 a partir das 18:00h.
Árbitros
O vasco Aitor Felipe Madorrán e o navarro David Urdánoz Apezteguía. Será a primeira vez que ambos colexiados arbitren ao Noia Portus Apostoli FS en Primeira.
Precedentes
·16 de decembro de 2022 | X14 Primeira División 2022/2023 | INT 4-3 NPA
·13 de maio de 2023 | X29 Primeira División 2022/2023 | NPA 2-2 INT
Comments