Os brancos visitan a cidade hispalense para disputarse o que poden ser máis que tres puntos ante o conxunto das trece barras, do que só lle separa 1 punto.
Os madrileños Jorge González Moreta e Luis Sánchez Chamorro arbitrarán o encontro, este sábado 2 de decembro a partir das 20:00h, que se emitirá por FEF TV en directo.
O último desprazamento ligueiro do 2023 leva ao Noia Portus Apostoli FS a Sevilla, para un importante partido ante o Real Betis Futsal no que se poñerán en xogo tres puntos especialmente relevantes, con ambos bloques buscando distanciarse da zona de descenso neste tramo final da primeira volta.
Xornada 14 e o Noia Portus Apostoli FS comeza a facer balance desta metade inicial de curso de Primeira División FS á que chega, en boa parte polo lastre das lesións e a falta de acerto nos momentos clave, 13º con 11 puntos, tan só unha unidade por riba da parte vermella da táboa. No vestiario noiés a misión é clara: saír desa situación para arriba, coa mente a curto prazo en sumar o máximo posible neste final de ano, co duelo directo do sábado ante os béticos e os dous complicados partidos na casa ante Movistar Inter e Jimbee Cartagena á vista. Para o primeiro, Tomás de Dios non poderá contar seguro con Henrique nin con Machado, lesionado no pasado envite contra Manzanares.
Gañar ante o Real Betis Futsal tería practicamente valor dobre. Os de Bruno García son, ao igual que o Noia, un dos catro conxuntos separados por un pírrico punto, cos verdibrancos ocupando actualmente o 15º lugar que provoca a pérdida de categoría. A agónica victoria do pasado domingo ante Viña Albali Valdepeñas (5-6), outro dos implicados na melé, permitiu aos sevillanos respirar un pouco, ao romper unha xeira de 6 derrotas consecutivas. No seu plantel, os das trece barras suman experiencia, cos Lin, Molina, Rafa López, Ivi, Lemine (máximo anotador con 6 dianas), Pedro Toro ou Roger, e xuventude en Carrasco, Raúl Jiménez, Povea, Pablo Muñoz e Pablo Otero, ademais dun Piqueras a medio camiño entre ambas.
Sábado 2 de decembro ás 20:00h no Centro Deportivo Amate, día, hora e lugar dun partido no que non se definirá nada dun curso ao que aínda lle queda moito, pero si pode axudar a un ou outro equipo a sumar un importante bonus, moral e clasificatorio, e así gañar terreo por saír dunha loita que ninguén quere ter.
Declaracións previas
Emisión en directo
O partido emitirase en directo por web e app de FEF TV este sábado 2 a partir das 20:00h.
Árbitros
Os madrileños Jorge González Moreta e Luis Sánchez Chamorro. Dúas vitorias, dúas derrotas e un empate, balance con González Moreta; con Sánchez Chamorro, dous triunfos e dous perdidos.
Precedentes
·23 de setembro de 2017 | X2 Segunda División 2017/2018 | BET 4-3 NPA
·20 de xaneiro de 2018 | X17 Segunda División 2017/2018 | NPA 2-3 BET
·30 de novembro de 2018 | X12 Segunda División 2018/2019 | BET 4-4 NPA
·6 de abril de 2019 | X27 Segunda División 2018/2019 | NPA 5-2 BET
·21 de setembro de 2019 | X2 Segunda División 2019/2020 | NPA 2-2 BET
·18 de xaneiro de 2020 | X17 Segunda División 2019/2020 | BET 2-0 NPA
·25 de novembro de 2022 | X10 Primeira División 2022/2023 | BET 2-2 NPA
·8 de abril de 2023 | X25 Primeira División 2022/2023 | NPA 4-4 BET
Comments