PREVIA X11 PRIMEIRA DIVISIÓN FS | Industrias Santa Coloma - Noia Portus Apostoli FS | Duelo directo con moito en xogo
- Departamento prensa Noia PA FS

- 6 days ago
- 3 min read

O Noia Portus Apostoli FS culmina unha semana de dobre partido e desprazamento en Santa Coloma, cun trascendental envite ante o Industrias o sábado 22 ás 16:30h pola 11ª xornada ligueira.
12º contra 13º, os dous con 11 puntos, a 3 do top 8 e con 6 de diferenza sobre a zona de descenso. A denominación de ‘duelo directo’ venlle que nin pintado ao choque desta finde no Pavelló Nou, lugar no que os noieses claudicaron nas súas tres visitas previas. Romper esa estatística significaría un importante paso para poñer máis terra de por medio coa parte baixa da táboa e mirar cara arriba sen pecharse portas, con outro enfrontamento clave á volta da esquina.

O empate contra Movistar Inter FS e o pase de rolda copeiro en Tafalla -onde descansaron David Pazos, Rubi e Peixe- reforzaron a confianza e as ganas que o Portus Apostoli nunca perdeu. Con iso pretende volver a saborear o triunfo ligueiro tras catro xornadas sen facelo e postularse na loita dos mellores do campionato.
Industrias e a fortaleza do ‘barrio’
O Industrias Santa Coloma igualou as cifras noiesas na pasada xornada, cunha gran vitoria en Anaitasuna, a primeira lonxe da casa máis dun ano e medio despois. Unido ao avance de rolda na Copa do Rei FS ante o CD Leganés FS -na prórroga-, os de Xavi Closas atópanse no seu mellor momento do curso, e buscarán prolongalo xunto á súa xente, no ‘barrio’. Aínda que ata agora como locais estalles custando máis do habitual -empate ante Quesos El Hidalgo Manzanares FS e derrotas contra ElPozo Murcia e O Parrulo Ferrol FS-, tradicionalmente no seu feudo os catalás fanse fortes a través do seu alegre e combinativo estilo de xogo. No seu plantel, ademais de dous ex noieses en Marcos Ferreyra e Nil Closas, abunda a xuventude -Povill, Kokoro, Puchy, Víctor Ramos ou Leandrinho, entre outros, non chegan aos 25-, mesturada co toque de experiencia en Tolrà e Corso -34 e 33 anos, respectivamente- coa que o decano do fútbol sala español, ao igual que os noieses, quere tirar cara arriba na clasificación.
Declaracións previas
O desprazamento
A expedición noiesa voará desde A Coruña dirección Barcelona na noite do venres.
Emisión en directo
O duelo contará coa emisión en directo e en exclusiva a través de LALIGA+ (baixo subscripción), por web e app, este sábado 22 a partir das 16:30h.
Árbitros
Carlos Rodrigo Miguel e Fermín Ángel Sánchez-Molina Tapiador, do comité castelán-manchego. Balance con esta parella de 1 triunfo e 3 derrotas.
Precedentes (balance oficial: 3V-0E-4D)
·5 de novembro de 2013 | Dezaseisavos de final Copa do Rei FS 2013/2014 | NPA 5-4 ISC (AET)
·21 de decembro de 2022 | X15 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 1-4 ISC
·19 de maio de 2023 | X30 Primeira División FS 2022/2023 | ISC 6-1 NPA
·18 de novembro de 2023 | X12 Primeira División FS 2023/2024 | ISC 3-1 NPA
·20 de abril de 2024 | X27 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 4-3 ISC
·21 de decembro de 2024 | X11 Primeira División FS 2024/2025 | ISC 5-3 NPA
·1 de abril de 2025 | X24 Primeira División FS 2024/2025 | NPA 4-3 ISC











Comments