top of page

PREVIA X10 PRIMEIRA DIVISIÓN FS | Noia Portus Apostoli FS – Viña Albali Valdepeñas | Enfrontamento de necesidades


Venres, 06/12/2024 · 16:30h · Imaxe: Foto Pichero | Último e penúltimo da táboa vense as caras este sábado 7 ás 20:00h no Mourís en busca dunha vitoria que mude as súas dinámicas.


O Noia Portus Apostoli FS repite na casa cunha soa misión: gañar. Tras quedar a detalles de conseguilo no enfrontamento directo ante Córdoba Patrimonio da pasada semana, os brancos reciben ao Viña Albali Valdepeñas este sábado 7 ás 20:00h coa premura por sumar o primeiro triunfo ligueiro nun inesperado duelo por todo o baixo de último contra penúltimo.


A pesar de que o punto logrado ante os cordobeses tivera un sabor agridoce, os noieses mírano polo lado positivo. Atrás quedaron as rachas negativas de cara a porta e de derrotas en Liga, o que xunto á vitoria de Copa do Rei supón dous encontros seguidos sen caer. Polo retrovisor vese tamén ese tramo de 5 partidos en 14 días especialmente duro para o Portus Apostoli, ao ter que sobrepoñerse a varias baixas en todos os choques.


Pero as xornadas seguen pasando, e, xa pola 10, as urxencias de resultados comezan a aparecer nos equipos aos que non lles saen as cousas. É o caso do Noia e, en maior medida incluso, do seu rival este sábado. Unha das sorpresas deste inicio de curso está sendo a de ver a Viña Albali Valdepeñas, cun plantel plagado de internacionais, talento e experiencia ao máis alto nivel, ocupar a penúltima praza con 4 puntos e só 1 vitoria en 9 partidos. Este negativo arranque custoulle o posto ao técnico David Ramos, quen, tras catro partidos con Víctor Beas de interino, foi substituído por Ricardo Íñiguez, que fará o seu debut no banco vinatero no Agustín Mourís.


De novo, máis que tres puntos en xogo no feudo noiés. Por segunda semana seguida, o Portus Apostoli contará coa súa fortaleza para intentar dobregar a un rival directo e lograr unha vitoria capital que lles faga saír de todo dunha aciaga dinámica que non merecen nin equipo nin afección.


 

Declaracións previas



Entradas

Á venda na páxina web noiafs.compralaentrada.com/eventos. Se quedan dispoñibles, poñeranse á venda na porta de acceso do Municipal Agustín Mourís a partir das 18:30h. Toda a información sobre a venda de entradas, AQUÍ.


Emisión en directo

O duelo contará coa emisión en directo e en exclusiva a través da plataforma de pago FEF TV, por web e app, este sábado 7 a partir das 20:00h.


Árbitros

José Javier Cidoncha Cortés e Sergio Salomé Vizueta, do comité estremeño. Balance dunha vitoria, un empate e unha derrota con esta parella.


Precedentes

·7 de outubro de 2017 | X4 Segunda División FS 2017/2018 | NPA 1-4 VAV


·3 de febreiro de 2018 | X19 Segunda División FS 2017/2018 | VAV 3-2 NPA


·15 de decembro de 2020 | Oitavos de final Copa do Rei FS 2020/2021 | NPA 1-4 VAV


·23 de outubro de 2022 | X5 Primeira División FS 2022/2023 | VAV 3-4 NPA


·18 de febreiro de 2023 | X20 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 8-2 VAV


·14 de outubro de 2023 | X5 Primeira División FS 2023/2024 | VAV 2-4 NPA


·24 de febreiro de 2024 | X20 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 4-4 VAV

Comments


bottom of page