top of page

PREVIA X10 | Mallorca Palma Futsal-Noia Portus Apostoli FS | Exame na casa do campión de Europa

Os noieses afrontan outro alto reto como visitantes, condición na que sacaron o maior número dos seus puntos ata o momento, nunha das canchas máis inexpugnables do campionato.
O valenciano Pablo Delgado Sastre e o murciano Alejandro Martínez Flores serán os encargados de dirixir o encontro, este sábado 11 ás 13:00h, en directo por FEF TV.

Matheus Preá (co balón) e Attos durante un adestramento (foto: Manuel Lorenzo)

Tócalle ao Noia Portus Apostoli FS nesta 10ª xornada da Primeira División FS unha das visitas máis complicadas do calendario, coa viaxe a Son Moix para enfrontarse, este sábado 11 ás 13:00h por FEF TV, ao Mallorca Palma Futsal, actual campión de Europa e un dos mellores locais.

É precisamente de visitante como rescatou o conxunto branco os seus mellores resultados ata a data, e contra rivais de entidade como Viña Albali Valdepeñas, Jimbee Cartagena ou ElPozo Murcia Costa Cálida FS. Esa é unha das razóns que os motivan a volverse das Baleares con máis puntos que compensen un inicio más dubitativo no Mourís. En Mallorca non estará Henrique, arrastrando durante toda a semana as molestias que lle impediron continuar en pista contra Jaén, como única baixa segura para Tomás de Dios, que tras a dobre amarela vista ante os andaluces afronta unha sanción que o alonxará do banco as dúas próximas xornadas.

Do Mallorca Palma Futsal, rival ao que os nosos se enfrontaron ata cinco veces en competición oficial o curso pasado, pouco queda por dicir. Actual campión da UEFA Futsal Champions League e con moitas papeletas para repetir presenza na Final Four, Vadillo conta cun arsenal de alternativas e recursos dos mellores do continente, a pesar doutro verán de baixas sensibles. Entre as incorporacións, máis aló de Vilian, Rómulo ou Salar Aghapour, atopamos dúas caras coñecidas nos ex noieses Marcelo e Bruno Gomes. En Liga son 4º e suman 6 vitorias e 4 derrotas en 10 partidos, un máis que os noieses, o adiantado da xornada 14 que disputaron o mércores en cancha de Servigroup Peñíscola FS, con triunfo balear por 4-5.

Poucas probas mellores existen para testear a boa saúde como visitantes que a pista do campeón de Europa, que a campaña pasada só coñeceu a derrota en PlayOff. A ambición e as ganas dun equipo desexoso de dar alegrías non faltarán na complicada empresa deste sábado en Mallorca.


 

Declaracións previas



O desprazamento

Voará a expedición branca dirección Palma a primeira hora da tarde do venres, con chegada prevista ao hotel de concentración preto das 20:00h.

Emisión en directo

O partido emitirase en directo por FEF TV (dispoñible en web e app) este sábado 11 a partir das 13:00h.

Árbitros

O valenciano Pablo Delgado Sastre e o murciano Alejandro Martínez Flores. Unha vitoria con Delgado Sastre e dúas con Martínez Flores, o balance noiés.

Precedentes

·19 de novembro de 2022 | X9 Primeira División 2022/2023 | NPA 2-2 MPF

·21 de febreiro de 2023 | Cuartos de final Copa do Rei 2022/2023 | MPF 4-2 NPA

·25 de marzo de 2023 | J24 Primeira División 2022/2023 | MPF 5-1 NPA

·24 de maio de 2023 | PlayOff Primeira División - Cuartos de final – Partido 1 | MPF 8-2 NPA

·27 de maio de 2023 | PlayOff Primeira División – Cuartos de final – Partido 2 | NPA 3-4 MPF (AET)

Comments

Couldn’t Load Comments
It looks like there was a technical problem. Try reconnecting or refreshing the page.
bottom of page