top of page

PREVIA SEMIFINAL COPA GALICIA | O Parrulo Ferrol-Noia Portus Apostoli FS | Buscando billete á final

O conxunto de Marlon Velasco tentará conseguir o pase á súa terceira final consecutiva da Copa Galicia, que esta edición se xogará no Municipal Agustín Mourís de Noia.
Choque da eliminatoria de semifinais, a partido único, que non dispoñerá de emisión en directo e será dirixido polos colexiados Borja Darriba Villamor e Javier Menéndez Nistal este mércores 29 de marzo a partir das 20:30h.
Pirata conduce o balón ante a presenza de Machado (foto: Manuel Lorenzo)

Semana de parón ligueiro, pero non competitivo para o Noia Portus Apostoli FS. Os brancos afrontan este mércores 29 ás 20:30h o duelo de semifinais da Copa Galicia, unha eliminatoria a partido único, en A Malata contra O Parrulo Ferrol FS, na reedición da final da última edición.


Na cancha ferrolá buscarán os noieses a súa terceira participación consecutiva na finalísima do torneo autonómico, coa condición de actual campión dun título cuxa defensa comezou o pasado febreiro coa vitoria contra o Pazos de Borbén por 1-8. Ao igual que daquela, os de Marlon Velasco tentarán, ademais, reivindicarse despois dunha ampla derrota, a sufrida o pasado sábado en Palma.


Agardan un rival complicado e un pavillón con moito ambiente, o que son O Parrulo e A Malata, respectivamente. Os dirixidos por Juanma Marrube chegan ao duelo en boa dinámica, logo de tres contundentes triunfos seguidos e asentados na 4ª praza da Segunda División, que dá acceso ao PlayOff de ascenso a Primeira. O seu camiño na competición tamén empezou nos cuartos, ronda na que os ferroláns venceron ao Leis Pontevedra FS por 0-4.


Un nome brilla por riba de todos dentro do plantel parrulo, o do “mago” Adri, líder dun equipo que mantén a filosofía doutros anos e combina experiencia con xuventude, no que tamén destacan Hélder, Wilson Francia, Iván Rumbo, Kevin Chis ou Rubén Orzáez, entre outros, xa sen Pedro Yrigoyen, que abandonou o cadro nas recentes datas.


A opción de loitar por algo tan especial como poder reeditar o campionato de Copa Galicia no Agustín Mourís pasa por A Malata, por competir ao máximo e facer un partido á altura do que será, de seguro, unha esixente cita para o Portus Apostoli.


 

Declaracións previas


O desprazamento


A expedición noiesa poñerá dirección a Ferrol na tarde do mércores, para xogar o encontro a partir das 20:30h.


Emisión en directo


O partido non será emitido en directo por ningunha plataforma.


Precedentes (partidos de competición oficial)


·23 de outubro de 2018 | 1/16 de final Copa do Rei 2018/2019 | NPA 2-4 OPA

·10 de decembro de 2019 | 1/16 de final Copa do Rei 2019/2020 | NPA 2-3 OPA (tras prórroga)

·24 de novembro de 2020 | 1/16 de final Copa do Rei 2020/2021 | NPA 5-1 OPA

·13 de novembro de 2021 | X11 Segunda División 2021/2022 | NPA 6-0 OPA

·19 de marzo de 2022 | X28 Segunda División 2021/2022 | OPA 2-5 NPA

·17 de maio de 2022 | Final XXX Copa Galicia | OPA 3-3 NPA (penaltis 3-4)


Resto de eliminatorias de semifinais


Outeiro de Rei SD-CD Lugo Sala | 29 de marzo de 2023 | 20:30h

Comments


bottom of page