top of page

PREVIA FINAL XXXII COPA GALICIA | Noia Portus Apostoli FS – O Parrulo Ferrol FS | A pola terceira!

O conxunto noiés tratará de facer valer a súa condición de anfitrión para conquistar por terceira campaña consecutiva o torneo autonómico, este venres 17, día das Letras Galegas, ás 12:30h.
Daniel Dacal Deza e Borja Darriba Villamor serán os árbitros do encontro, que se emitirá en directo por TVG2, na app móbil AGalega e na web en agalega.gal.

Os noieses buscan pechar o curso cun título (foto: Manuel Lorenzo)

Tras lograr a salvación na Primeira División FS, o Noia Portus Apostoli FS quere terminar a temporada 2023/2024 por todo o alto. Iso é o que significaría erguer a terceira Copa Galicia consecutiva na casa, nun Municipal Agustín Mourís que albergará a finalísima da XXXII edición do torneo autonómico, na que os noieses terán que bater a O Parrulo Ferrol FS a partir das 12:30h do venres 17, día das Letras Galegas, para facer a festa completa.


Liberado, ao cumprir o seu gran obxectivo, e despois dun tramo decisivo de curso ligueiro espléndido, con catro vitorias nos seis últimos partidos, este duelo polo título chega nun momento sobresaliente para o Portus Apostoli, que traballou ao máximo nesta última semana de adestramentos para levar a cabo a mellor despedida posible. O plantarse na final pasou por superar en novembro ao IES Coruxo FS (2-7) en cuartos e en decembro ao Stellae FS – Valga (0-2) na semifinal.


Nunha reedición da final de Marín 2022, na que prevaleceron os noieses, o rival dos brancos será O Parrulo Ferrol FS. Os ferroláns tampouco tiveron una campaña sinxela, lonxe da meta do PlayOff polo ascenso (7º con 43 puntos, a 9 da promoción, na Segunda División FS) e con cambio de adestrador. Desde febreiro, Nacho García fíxose cargo dun conxunto que, no seu camiño á final, eliminou a A Estrada Futsal (1-7) e ao Grupo Forma-t Vilalba FS (1-6). No Mourís, os Adri, Hélder, Orzáez, Iván Rumbo, Novoa, Coro e demais compoñentes do plantel ferrolán buscarán acabar a temporada cun sabor doce e lograr así a cuarta coroa autonómica do Club.


A deste venres será a cuarta presenza consecutiva en finais de Copa Galicia para o Noia Portus Apostoli FS. Lonxe queda xa aquela primeira intentona, que resultou en derrota ante o Pescados Rubén Burela FS en Narón, nun curso que, ademais, tamén rematou en bágoas no PlayOff de ascenso. Agora, con dous trofeos galegos baixo o brazo e preparando a terceira temporada na elite, a experiencia e a condición dos noieses mudaron, pero non a ambición dun equipo e un Club que ansían seguir engordando o seu palmarés e verse entre os máis grandes da historia da competición.



 


Declaracións previas



Emisión en directo

A final contará coa emisión en directo da TVG2, segunda canle da televisión pública autonómica, así como da app móbil AGalega e na web en agalega.gal, a partir das 12:30h.


Árbitros

Daniel Dacal Deza e Borja Darriba Villamor.


Precedentes

·23 de outubro de 2018 | 1/16 de final Copa do Rei 2018/2019 | NPA 2-4 OPA


·10 de decembro de 2019 | 1/16 de final Copa do Rei 2019/2020 | NPA 2-3 OPA (tras prórroga)


·24 de novembro de 2020 | 1/16 de final Copa do Rei 2020/2021 | NPA 5-1 OPA


·13 de novembro de 2021 | X11 Segunda División 2021/2022 | NPA 6-0 OPA


·19 de marzo de 2022 | X28 Segunda División 2021/2022 | OPA 2-5 NPA


·17 de maio de 2022 | Final XXX Copa Galicia | OPA 3-3 NPA (penaltis 3-4)


·29 de marzo de 2023 | Semifinal XXXI Copa Galicia | OPA 2-6 NPA


Comments


bottom of page