top of page

PREVIA FINAL COPA GALICIA | Noia Portus Apostoli FS-CD Lugo Sala | A pola segunda na festa do Mourís

Co aliciente de ser o gran anfitrión, o conxunto noiés tentará reclamar o seu título de campión galego nun Día das Letras Galegas que será unha festa para a vila, con todas as entradas esgotadas para as finais masculina e feminina.
Roberto Amor Vizoso e Jorge Otero Mira serán os colexiados do encontro, emitido en directo por TVG2 e pola canle de YouTube da RFGF.
Lluc (esq.) e Álex García (der.) durante un adestramento (foto: Manuel Lorenzo)

Que a festa sexa completa. Iso tentará cumprir o Noia Portus Apostoli FS, anfitrión das finais da Copa Galicia 2023 e participante na masculina, na que buscará reeditar a coroa conquistada por primeira vez o curso pasado en Marín contra o CD Lugo Sala a partir das 19:00h do mércores 17, Día das Letras Galegas.


Tan só 4 días despois de lograr unha histórica clasificación ao PlayOff polo título de Primeira División, os noieses atópanse ante unha oportunidade de ouro para continuar ampliando o seu historial e festexar novamente diante dos seus afeccionados, que, xunto aos do Lugo Sala, ateigarán as gradas do Municipal Agustín Mourís nunha xornada que convertirá a Noia na capital do fútbol sala galego, ao disputarse tamén a final feminina pola mañá.


Erguer o trofeo da XXXI Copa Galicia, que sería a segunda seguida, é unha prioridade para o club, que ambiciona seguir sumando e aproximarse ao máis alto da táboa histórica de campións. Para alcanzar a súa terceira final consecutiva, os de Marlon Velasco tiveron que superar en cuartos de final ao SD Pazos de Borbén FS (1-8) e en semifinais a O Parrulo Ferrol FS (2-6). O técnico noiés conta para este duelo coa baixa segura de Edu Jabá.


Ante a súa primeira final se atopa o CD Lugo Sala, club creado en 2014 e que tras anos en Preferente e Terceira, debutaba este curso na Segunda División B, alzándose campión do Grupo I con autoridade e gañándose a súa presenza no PlayOff de ascenso a Segunda. No plantel dos dirixidos por Dani Díaz figuran xogadores con renome e pasado nas máximas categorías do fútbol sala español como Iago Rodríguez, Miguel, Diego Núñez, Álex Diz e os dous ex noieses, Porto e Antonio Diz, este último deixando unha forte pegada na afección noiesa. Para chegar á final do Mourís, os lucenses deixaron no camiño a Cidade de Narón (4-2), O Esteo FS (9-4), a todo un Pescados Rubén Burela FS (2-1) e Outeiro de Rei SD (2-8).


Todo preparado para que o Día das Letras Galegas se converta nunha auténtica festa en Noia, co Municipal Agustín Mourís como punto neurálxico para gozar co mellor fútbol sala galego... e oxalá que coa segunda Copa Galicia do Noia Portus Apostoli FS.


 

Declaracións previas



Horarios

Final XVI Copa Galicia feminina | Ence Marín Futsal - Pescados Rubén Burela FS | 12:30h

Final XXXI Copa Galicia masculina | Noia Portus Apostoli FS - CD Lugo Sala | 19:00h


Entradas e “fan zone”


ENTRADAS ESGOTADAS. Nas inmediacións do Municipal Agustín Mourís haberá unha “fan zone” con polbeira e ambientación musical para os afeccionados.


Emisión en directo


TVG2 e a canle de YouTube da RFGF emitirán en directo o partido este mércores 17 de maio ás 19:00h.


Árbitros


Roberto Amor Vizoso e Jorge Otero Mira serán os colexiados do encontro.


Precedentes


Non existen precedentes de encontros entre ambos equipos.

bottom of page