Dous partidos amigables agardan esta fin de semana aos noieses, coa intención de continuar medrando e aproveitar este impasse da competición.
A competición ligueira detense tras as dúas primeiras xornadas, pero non os equipos, entre eles un Noia Portus Apostoli FS que disputará dous encontros amigables entre o venres 15 e o sábado 16 de setembro, enmarcados no XVI Torneio Cidade da Póvoa de Varzim, en Portugal.
Tras o empate en Cartaxena, non lles saíron as cousas como querían aos brancos na súa estrea como locais, caendo por 2-4 contra o Córdoba Patrimonio de la Humanidad. Nesta tesitura, Tomás de Dios e o seu corpo técnico terán dúas probas “extra” para tentar corrixir erros e dúbidas antes de viaxar a vindeira semana a Pamplona para a terceira xornada da Primera División Fútbol Sala.
O técnico salmantino contará para o torneo de Póvoa coas baixas dos lesionados Nico Sarmiento, Matheus Preá e Machado, os internacionais Power Raggiati e Nico Rosa e o convalecente Altamirano, xa coa alta médica tras o gran susto do pasado sábado pero aínda non ao 100% recuperado. O á-peche Lukas Ramos, do Noia Portus Apostoli FS “B”, incorporouse esta semana aos adestramentos e podería ser unha das novidades na convocatoria ante as numerosas ausencias.
Este venres 15 a partir das 21:30 hora local, o Portus Apostoli disputará a segunda semifinal do torneo contra o ADC Nogueiró da Segunda División lusa, e, dependendo do resultado, o sábado xogará ás 18:00h ou ás 19:30h contra o cadro francés do Sporting Paris ou o anfitrión CD Póvoa.
Declaracións previas
Horarios
Venres 15 de setembro
Semifinal 1: Sporting Paris vs CD Póvoa (20:00 hora local)
Semifinal 2: Noia Portus Apostoli FS vs ADC Nogueiró (21:30 hora local)
Sábado 16 de setembro
Partido 3º e 4º posto (18:00 hora local)
Final (19:30 hora local)
O desprazamento
A expedición noiesa arrancará rumbo a Portugal en bus na mañá do venres, despois de completar unha sesión de adestramento. Ao término do encontro de semifinais, pasarán noite no hotel de concentración, para disputar o sábado a final ou o partido polo 3º e 4º posto, con regreso a Noia tras a finalización do mesmo.
Emisión en directo
O Torneo non será emitido en directo por ningunha plataforma.
Comentarios