Os de Tomás de Dios regresan a terras lusas (martes 22, 20:00 hora local) na fase final da preparación, con intención de darlle continuidade ao bo partido do pasado sábado.
Encara o Noia Portus Apostoli FS a súa última semana de pretemporada con cinco sesións de adestramento, tras as dúas do luns, e un par de encontros. O primeiro deles, o deste martes 22 en Vila do Conde contra o ADCR Caxinas, ás 20:00 en horario portugués.
Outra proba do algodón para os brancos, que amosaron a súa mellor cara ante o momento no amistoso do pasado sábado contra SC Braga, pero no que non puideron darlles a revancha. Continuar pola boa senda no referente ao xogo e, como non, conseguir a vitoria serán os obxectivos dos de Tomás de Dios, que continúa recuperando xente para a causa, tras as estreas de Attos e Edu Jabá ante o equipo bracarense.
Do ADCR Caxinas Poça Barca agarda o Portus Apostoli un conxunto intenso e competitivo, como son todos na Liga Placard. Pertencente a un pequeno punto pesqueiro da costa portuguesa (apenas 2.000 habitantes), o Caxinas tamén percorreu un traxecto similar ao Noia as dúas últimas campañas, ascendendo na 21/22 e finalizando 8º en Primeira na 22/23, aínda que non se trataba do seu debut. O seu plantiel caracterizouse nos últimos anos por posuír moito talento nacional xoven, como é o caso de Raul Moreira ou Francisco Carvalho.
O pavillón Municipal de Vila do Conde acollerá a penúltima das probas do equipo noiés, centrado en afinar en todas as facetas do xogo para chegar a punto á estrea ligueira, o vindeiro 2 de setembro en Cartaxena.
Declaracións previas
O desprazamento
A expedición noiesa poñerá dirección a Vila do Conde ás 16:45h, para xogar o encontro a partir das 20:00, horario local de Portugal.
Emisión en directo
O partido non será emitido en directo por ningunha plataforma.
Precedentes
Será o primeiro enfrontamento entre ambos equipos.
Comments