top of page

Noia e Galicia, moi presentes nas equipacións 23/24

As catro vestimentas Umbro do Portus Apostoli para esta campaña viron a luz na Igrexa de Santa María a Nova, lugar representado en dúas das camisetas.


Unhas equipacións moi noiesas e moi galegas. O Noia Portus Apostoli FS presentou na Igrexa de Santa María a Nova as vestimentas, deseñadas un curso máis por Umbro e nas que destaca a súa personalidade e sentido de pertenza, que paseará na súa segunda temporada na elite do fútbol sala nacional.


A bandeira de Galicia e os símbolos das laudas situadas na Igrexa de Santa María a Nova, punto coa maior colección de lápidas gremiais do mundo, son os principais protagonistas presentes nas equipacións. É por iso que este monumento histórico da nosa vila foi o lugar escollido para desvelar as vestimentas.

Na primeira equipación domina, como non podía ser doutra forma, a cor branca distintiva do club, combinada nesta ocasión co azul, presente en ambas mangas, no que resulta na unión das cores da bandeira de Galicia, feito que cobra maior relevancia ao tratarse do único equipo galego na Primeira División.

Para a segunda equipación, unha das máis solicitadas o curso pasado, repítese a unión, aínda que á inversa. O azul é o protagonista principal unha temporada máis, cos engadidos dos símbolos das laudas estampado en toda a súa extensión e a cor branca nas mangas que tamén evoca á bandeira galega.

O vermello, cor da paixón, do orgullo e do sentimento que vive cada partido o Agustín Mourís co seu Noia Portus Apostoli FS, compón a terceira equipación da temporada 2023/2024. Unhas liñas dun vermello lixeiramente máis intenso outorgan á camiseta unha fina heteroxeneidade que completa o seu aspecto.

E, por último, o verde que forma a equipación dos gardametas, propio dos frondosos paisaxes da nosa comunidade, e no que se integran tamén os símbolos das laudas gremiais para, novamente, unir Galicia e Noia nunha mesma pel.

As catro equipacións atoparanse á venda desde o vindeiro luns 21 de agosto no local social do club, situado en Rúa Carcasía, 7.

bottom of page