O Palco da Música da Alameda de Noia acolleu na mañá deste sábado a presentación das finais de Copa Galicia do vindeiro mércores 17 de maio, que se disputarán no Municipal Agustín Mourís.
A conta atrás está a punto de terminar. Noia converterase na capital do fútbol sala de Galicia o mércores 17 de maio, unha data incomparable tratándose do Día das Letras Galegas, coa disputa das finais masculina e feminina da Copa Galicia de fútbol sala no Municipal Agustín Mourís.
Ence Marín Futsal e Pescados Rubén Burela FS xogaranse a XVI edición feminina a partir das 12:30h, mentres que pola tarde o anfitrión Noia Portus Apostoli FS e CD Lugo Sala veranse as caras coa XXXI edición masculina como premio, a partir das 19:00h. É tal a expectación que, actualmente, apenas quedan unhas poucas entradas para o duelo femenino, con todas esgotadas xa no masculino.
Para presentar o evento, citáronse no Palco da Música da Alameda de Noia membros das distintas partes organizadoras e compoñentes dos partidos. Pola Real Federación Galega de Fútbol acudiron o presidente, Rafael Louzán e o vicepresidente e máximo responsable do fútbol sala galego, Pablo Prieto; no caso do Concello de Noia, estiveron o alcalde, Santiago Freire e a concelleira de deportes, Laura Salgado; por último, o presidente Severino Barreiro e o director xeral Javier Barreiro, que representaron ao Noia Portus Apostoli FS.
“Fútbol sala en estado puro”
O presidente da RFGF foi o primeiro en intervir, comezando cos agradecementos ao Concello de Noia “por ser sede desta Copa Galicia, o torneo máis importante do fútbol sala galego. Vai ser unha auténtica festa nun día tan especial para Galicia como é o Día das Letras. Poderemos gozar dun gran día de fútbol sala en estado puro”. Ademais, o presidente Louzán desexou “sorte a todos os equipos finalistas e que gañe o mellor. E quero tamén felicitar publicamente ao Noia Portus Apostoli polo extraordinario traballo que vén realizando desde hai uns anos e esta temporada loitando por clasificarse para o PlayOff, que sería algo histórico".
O seguinte en tomar a palabra foi o alcalde do Concello de Noia, Santiago Freire, agradecendo no seu caso “en primeiro lugar á RFGF por tomar a decisión de elixir Noia para a celebración destas dúas finais. Noia está de celebración, á parte de pola traxectoria do noso equipo, o Noia Portus Apostoli FS, como por poder albergar este evento tan importante para o fútbol sala galego. Convidamos a todo o mundo a que veña o mércores a Noia a gozar destas finais”, asegurou o rexidor.
Para rematar, o director xeral do Noia Portus Apostoli FS, Javier Barreiro, fixo fincapé na expectación, que “é máxima”, así como na gratitude coa RFGF por confiar “na nosa casa para a disputa destas dúas finais”.
Emisión en directo na plataforma de streaming da RFGF
Ambos encontros se emitirán en directo o vindeiro mércores 17 de maio a través da canle de YouTube da Real Federación Galega de Fútbol.
コメント