top of page

Noia xa está preparada para unha nova festa do fútbol sala galego

A final da XXXII Copa Galicia masculina tivo o seu acto de presentación no Palco da Música da Alameda, punto sinalado dunha Vila noiesa que acollerá o gran duelo o vindeiro venres 17 de maio.
As entradas poderán adquirirse a partir deste martes 7 de maio en noiafs.compralaentrada.com/eventos/.

(foto: Pichero)

Apenas quedan 11 días para que Noia volva a fixar todas as miradas do fútbol sala galego. No Palco da Música da Alameda da Vila reuníronse tanto representantes federativos e municipais como de Noia Portus Apostoli FS e O Parrulo Ferrol FS, os dous equipos que se disputarán o cetro autonómico o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, a partir das 12:30h no Municipal Agustín Mourís.


Nunha das localizacións máis características de Noia deuse o inicio oficial da conta atrás para o enfrontamento entre noieses e ferroláns, con representación dos seus planteles por medio dos xogadores Pirata e Adri, respectivamente. Por parte do Portus Apostoli tamén estivo o seu presidente, Severino Barreiro. Completando a nómina de personalidades, asistiron o máximo responsable do fútbol sala galego, Pablo Prieto; a directiva e delegada federativa de Santiago, Silvia Cancela; o alcalde do Concello de Noia, Santiago Freire; o concelleiro de deportes, Santiago Rodríguez; e Laura Salgado, concelleira de obras, urbanismo, xuventude e relacións institucionais.


“Darémolo todo para intentar manter o título”

Pirata amosouse ante os medios asistentes “moi contento”, tras a permanencia matemática en Primeira División lograda hai apenas dous días, nun final feliz a “unha temporada moi larga e dura”. Agora, os noieses xa están “ilusionados” e “con ganas de afrontar os retos que veñen”, en forma desta final autonómica na que defenden coroa. Para erguer o trofeo por terceiro curso seguido, o lucense é claro, “sabemos do potencial que ten O Parrulo e será complicado, pero darémolo todo para intentar manter o título”.


No outro lado da cancha estará Adri. O xogador de O Parrulo sinalou que “será un partido moi complicado para nós, pero levamos un tempo preparándoo” e que as intencións ferrolás son “levar ao Noia ao límite e que sexa un partido igualado para poder decantalo do noso lado”.


Pola súa parte, Pablo Prieto quixo “felicitar” ao conxunto branco pola súa permanencia e desvelou estar “moi contento” porque “dous referentes do fútbol sala galego se den cita nun gran espectáculo (...) que poñerá fin á súa temporada”. En nome do Concello noiés, falou o seu alcalde, Santiago Freire, “agradecidos e orgullosos” dos éxitos do Club e que expresou o seu ánimo de “convidar a todo o público que queira asistir para gozar desta final”.





A venda de entradas ábrese mañá, martes 7

Mañá martes 7 daranse todos os detalles da venda de entradas para a final entre Noia Portus Apostoli FS e O Parrulo Ferrol FS, que se poderán adquirir a través da plataforma noiafs.compralaentrada.com/eventos e no local social do Club.


bottom of page