top of page

POST PARTIDO X21 | Marlon Velasco: “O equipo fixo moitísimas cousas para levarse o partido”

O técnico valorou positivamente a actuación dos seus en Antequera, lamentando o rescatar tan só un punto.

O de Antequera foi un deses partidos nos que puido pasar de todo. Ao final, 2-2 e a sensación de que “cando non podes gañar, pois trata de non perder”, en palabras do técnico noiés Marlon Velasco en sala de prensa do Argüelles. O preparador amosábase “non contento co punto, pero hai que estar conforme porque”, a pesar de non cumprir o obxectivo de gañar, “sumamos, que é importante sobre todo fóra de casa”.


Creo que o equipo fixo moitísimas cousas para levarse o partido”, destacaba Velasco sobre os seus, que encaixaron “os goles que é normal encaixar” pero padeceron de “un déficit importante na zona de finalización”, en gran medida pola actuación do meta local, Chispi. “Fixo un partidazo”, expresaba o adestrador sobre o porteiro universitario, “o xogador máis destacado de Antequera, e cando o máis destacado do outro equipo é o porteiro é porque ti fixestes moitas cousas ben”.


Outra das claves que destacaba Marlon radicaba en non ser capaces de conseguir o 0-2 no lanzamiento de dez metros de Edu Jabá, “levariamos ao estrés ao adversario, deixámolos vivos e sabiamos o que nos tocaba na segunda parte”, en forma de “cambio radical” no criterio arbitral, despois dun polémico final de primeiro tempo. “Dúas faltas a favor e cinco en contra cando levamos o peso do partido practicamente 15 minutos da segunda parte, entendo que para compensar, saír ben e igualar”, sentenciaba o técnico sobre as decisións dos colexiados no segundo período.


Finalmente, “puidemos rescatar o punto despois do 2-1 e xestionar ese final de partido sen que UMA nos puidera poñer en pista o portero-jugador” e buscando unha última ocasión que puidera supoñer o 2-3 que, desafortunadamente, non se produciu. “Darlle parabéns ao BeSoccer CD UMA Antequera pola súa traxectoria, a temporada que están facendo e o punto”, expresaba Velasco, quen tamén felicitou “ao meu equipo polo esforzo e o gran partido que fixo, houbo erros como en todos os partidos, pero a nivel actitudinal o equipo foi exemplar e ademais completamos un bo partido en fase ofensiva e defensiva”.

bottom of page