Xoves, 30/01/2025 · 14:40h | O lucense fai balance da metade inicial de curso dos noieses, que miran ao horizonte con ganas de continuar dando pasos cara adiante.
Rematada a metade inicial da Primeira División FS 2024/2025, é hora de facer balance do que deparou. No caso do Noia Portus Apostoli FS sen ningunha dúbida foi, como detalla o seu capitán Pirata, “unha primeira volta bastante complicada para todos”.
Tras 15 partidos, os noieses ocupan a 16ª e última praza da clasificación con 1 vitoria, 4 empates e 10 derrotas. “Xuntouse todo. As lesións, o entrar nunha dinámica complicada desde a xornada 1, que é onde empeza todo e se alarga máis da conta”, afirma o capitán branco, poñendo o foco tamén nesa xeira negativa de máis de 200 minutos sen marcar gol entre a xornada 5 e a 9, totalmente inexplicable para as ocasións creadas polo equipo noiés, como unha das razóns para o desafortunado comezo de campaña.
Pero a fase final da primeira volta supuxo un “clic”. Desde que comezara 2025, o Portus Apostoli sumou dous empates e unha vitoria, 5 de 9 puntos posibles que lle fan estar a 2 da salvación, cando estivo a 5 e puido quedarse a 7. “Temos que aprender desta primeira volta e quedarnos con este tramo final para comezar a segunda con esta dinámica”, confesa Pirata, ao que engade que “é momento de non esquecer todo o que pasou, quedarnos con que neses momentos complicados demos un pasiño adiante”. Agora, nesta racha de 3 partidos puntuando, “o equipo síntese doutra forma, estamos todos máis soltos”.
Deses resultados, resalta por encima de todo ese primeiro triunfo do pasado sábado en Zaragoza ante un rival directo como é Wanapix Sala 10. “O equipo quitouse un peso de enriba moi grande, celebrouse dunha maneira que reflectía todos eses momentos duros que pasamos, mereciámonos unha alegría así”, expresa o lucense, que ten claro que nesa “unión e fe” do grupo demostrada na pista está “un das claves para lograr o obxectivo”, ao igual que a temporada pasada, algo que para o que vén, que son outras 15 batallas, “debemos mantelo”.
E se alguen foi protagonista nesta dinámica positiva, é el. As súas 4 dianas nos últimos 4 encontros foron claves para puntuar, ademais de para frear una seca personal. A través diso medrou Pirata, e tamén os seus compañeiros. “O gol dá confianza”, recoñece o á-pivote, aínda que deixando claro que “sempre que sirvan para o equipo, benvidos sexan”.
Pero a reacción non fixo máis que comezar, ou iso é o que pretenden os noieses. “Debemos ser conscientes de quen somos, de onde estamos e o momento da temporada que é”, manifesta un Pirata que subliña a importancia de que “é momento de estar unidos, de crer todos na mesma idea”. Incluíndo a unha afección que “nos apoia día a día, tanto no Mourís como fóra, facendo un esforzo” e aos que agradece o “estar con nós neses momentos duros, que é clave tamén”.
Comments