
Xoves, 20/02/2025 · 13:10h · Imaxe: Foto Pichero | É o xogador noiés con máis encontros disputados entre Primeira e Segunda.
Nos intres previos ao choque entre Noia Portus Apostoli FS e Servigroup Peñíscola FS, o Agustín Mourís tivo a oportunidade de render homenaxe ao seu capitán. E é que coa súa entrada a pista neste duelo da 18ª xornada ligueira, Pirata cumpriu o seu partido 150 oficial co Noia Portus Apostoli FS, afianzándose como o xogador do Club que máis disputou entre as dúas primeiras categorías do fútbol sala nacional.
O á-pivote de 25 anos recibiu de parte de Severino Barreiro, presidente do Noia Portus Apostoli FS, unha camiseta conmemorativa co seu nome e o número 150 en representación da cifra alcanzada. Pirata atópase na súa quinta temporada na disciplina noiesa, na que xogou 45 partidos en Segunda División FS, 2 de PlayOff de ascenso, 78 en liga regular de Primeira (sen perderse ningún), 2 de PlayOff polo título, 11 de Copa do Rei FS e 12 de Copa Galicia FS, para ese total de 150 participacións. Neste período o lucense logrou o ascenso á elite, o título da división de prata e tres de Copa Galicia FS, aportando 81 goles, os dous últimos precisamente no partido de onte.
“Vívoo coa mesma ilusión que o primeiro día”
Tras o enfrontamento entre noieses e peñiscolanos, Pirata falou en sala de prensa sobre o hito dos 150 partidos. “É unha moi boa cifra”, confesando que “a clave é que sigan respetando as lesións” e que o sinte como “un orgullo, vívoo coa mesma ilusión que o primeiro día, incluso con máis fame, ganas e a ambición de cada día intentar dar máis”. O xogador branco expresou tamén o seu desexo de que “oxalá sexan moitos máis partidos porque iso é boa sinal” e quixo “agradecer ao Club pola homenaxe e o apoio de toda a xente desde hai cinco temporadas”.
Comments