Peixe e o Noia Portus Apostoli FS amplían a súa vinculación ata 2027
- Departamento prensa Noia PA FS
- 1 day ago
- 2 min read

Mércores, 18/06/2025 · 17:00h · Imaxe orixinal: Alexio Raw | O porteiro brasileiro e o Club alargan a súa relación contractual e cumprirán dúas temporadas máis xuntos.
Evandro Rafagnin “Peixe” e o Noia Portus Apostoli FS reforzan a súa unión ata xuño de 2027, despois do acordo alcanzado entre Club e xogador que significa a prolongación por un curso máis dun contrato que vencía en 2026.
O porteiro brasileiro de 25 anos (cumprirá 26 en outubro) aterrou en Noia o pasado verán procedente do Foz Cataratas, na que era a súa primeira experiencia lonxe do seu país. Ata o momento na súa etapa en Noia disputou 23 encontros, marcando 1 gol e sendo peza clave tanto na salvación en Primeira División FS como na conquista do título de Copa Galicia FS.
Desta maneira, o Portus Apostoli 25/26 dispoñerá da mesma parella de porteiros que a temporada pasada, xa que Schütt conta con contrato ata xuño de 2026.
“Síntome na casa”
Tras asinar esta ampliación, Peixe afirma que “para min é unha honra seguir vestindo esta camiseta e continuar coa familia que é este Club, estou moi contento”. O primeiro curso do brasileiro en Noia foi “moi duro”, pero el tiña claro que “despois do de Madrid estaba aínda máis seguro de seguir neste Club por todo o que me deu en só un ano”, tras o que xa “síntome na casa”.
O de Foz do Iguaçú continuará cóbado a cóbado con Schütt a vindeira temporada. Sobre a súa relación con el relata que “xa o coñecía de Brasil, pero nunca traballara con el. É un amigo, axúdame moito na pista e fóra, temos pensamientos semellantes, entón estamos sempre coas nosas bromas, xuntos e con ganas os dous de axudar ao Club”.
Nunhas semanas tocará regresar ao traballo, pero agora é momento de “gozar da familia, que nunca estiven tanto tempo lonxe” e “cargar as pilas para volver con moita máis forza para que poidamos facer unha temporada moito mellor”, expresa Peixe.
Comments