top of page

Un mes de pretemporada con cinco encontros programados

Os adestramentos do equipo de Tomás de Dios comezarán o próximo luns 24 de xullo.


Cinco partidos, con bastante presenza lusa e peche en plenas festas co VI Trofeo Portus Apostoli, vertebran a folla de ruta da pretemporada do Noia Portus Apostoli FS, que comezará a traballar coas primeiras sesións de adestramento o luns 24 de xullo no Municipal Agustín Mourís.

Alí reuniranse por vez primeira os renovados equipo e corpo técnico con Tomás de Dios á cabeza, a gran novidade dentro dun conxunto no que continúan 10 dos xogadores do curso pasado e súmanse 5: Nico Sarmiento, Matheus Preá, David Pazos, Attos e Rufino.

Unha pretemporada con protagonismo portugués

De entre os cinco partidos amistosos que van disputar os noieses, catro serán ante rivais da Primeira División de Portugal, e dous deles en chan luso. O único que non enfrontará a un opoñente do país veciño será o primeiro, o 12 de agosto contra O Parrulo en Ferrol. A seguinte semana haberá dobre choque contra un habitual das últimas pretemporadas, o SC Braga, que finalizou 2º en la Liga regular 22/23 só por detrás do Sporting CP. O primeiro dos duelos xogarase en Portugal e o segundo en Noia.

Volverán os brancos a terras lusitanas o 22 de agosto para medirse ao Caxinas Futsal, 8º clasificado a pasada temporada e onde milita o pivote Cardinal, en Vila do Conde. O desenlace da preparación ten data no 26 de agosto co VI Trofeo Portus Apostoli e en medio das Festas de San Bartolomeu, coa visita do cadro portugués Eléctrico FC, 5º na recente finalizada campaña, e formado por xogadores da talla de Léo Santana, Simi Saiotti ou Daniel Airoso.

Calendario amistosos de pretemporada

·12 de agosto | O Parrulo Ferrol FS-Noia Portus Apostoli FS | Ferrol

·15 de agosto | SC Braga-Noia Portus Apostoli FS | Braga (Portugal)

·19 de agosto | Noia Portus Apostoli FS-SC Braga | Noia

·22 de agosto | Caxinas Futsal-Noia Portus Apostoli FS | Vila do Conde (Portugal)

·26 de agosto | Noia Portus Apostoli FS-Eléctrico FC | Noia | VI Trofeo Portus Apostoli

En total, será algo máis dun mes de moita actividade, tanto en partidos amistosos como en sesións de adestramento, co principal obxectivo de afinar física, técnica e tacticamente de cara ao inicio de curso ligueiro de Primeira División, a fin de semana do 2 de setembro na cancha do Jimbee Cartagena.

Comments


bottom of page