top of page

Noia Portus Apostoli FS: un debut na elite para o recordo

Os rexistros do conxunto noiés sitúano entre as mellores estreas dos últimos tempos na Primeira División.

De tanto usala, convértese nunha expresión manida e incluso repetitiva. Pero é que é un feito que o Noia Portus Apostoli FS non para de facer historia. Despois de dúas temporadas dominantes en Segunda División, a última co merecido premio do ascenso á elite, a estrea en Primeira dificilmente puido ir mellor: salvación e, sobre todo, a clasificación ao PlayOff polo título, uns logros que o colocan entre os mellores equipos debutantes dos últimos tempos na Primeira División.


Sexto debutante con mellor coeficiente de puntos do Século XXI


38 puntos sumou o Portus Apostoli nos 30 partidos disputados de fase regular na súa temporada de debut na Primeira División. A puntuación por partido colleitada polos noieses supón un coeficiente de 1,266 que o sitúa na lista dos mellores debutantes.


En total, de entre as 29 estreas na elite no Século XXI, só melloran os datos noieses o Tien 21 Punctum Millenium Pinto da 08/09 (finalizou 6º con 45 puntos en 28 xornadas, coeficiente de 1,607), o Benicarló FS da 04/05 (5º sumando 46 puntos en 30 partidos, coeficiente de 1,533), o Montesinos Jumilla FS da 13/14 (6º con 41 puntos para un coeficiente de 1,464), o Real Betis Futsal da 20/21 (10º de 18 equipos, con 46 puntos e 1,352 de coeficiente) e o Puertollano FS da 11/12 (acabou 9º con 39 puntos e 1,3 de coeficiente).


Primeiro debutante desde Jumilla 13/14 que se clasifica ao PlayOff


Existe un grupo selecto de equipos que no seu debut na Primeira División lograron codearse cos mellores no PlayOff polo título (como é o caso dos Benicarló FS ou Tien 21 Punctum Millenium Pinto reflectidos anteriormente, entre outros), e o último en unirse ao club é o Noia Portus Apostoli FS. Os de Marlon Velasco son os primeiros en facelo nos últimos 9 anos, desde que o Montesinos Jumilla FS o fixera na temporada 2013/2014 antes mencionada. Naquela ocasión, os murcianos tamén conseguiron gañarse a súa presenza na Copa de España, algo polo que os noieses loitaron ata a última xornada da primeira volta.


Debutante e novel: o equipo máis xoven no PlayOff


Se a media de idade noiesa xa era unha das máis baixas ao principio de curso, tras os cambios no mercado de inverno reduciuse aínda máis. Cun 24,26 os brancos presentan o plantel máis precoz, e tendo en conta que un dos maiores, como é Edu Jabá (31), non estará presente por lesión, esta cifra aínda será menor. Tamén é o cadro con máis xogadores na súa primeira temporada na elite española de entre os 8 equipos presentes no PlayOff. Jimbee Cartagena é o equipo que máis se aproxima cunha media de 27,46, mentres que ElPozo, que supera lixeiramente os 31, presenta o combinado con maior media de idade.


Máis claves dun debut formidable


A todos estes datos hai que sumar outros aspectos non menos destacables como lograr a permanencia matemática a catro xornadas do final, coa vitoria na pista de Osasuna Magna. A confirmación de que os noieses non iban a ocupar uns dos últimos postos que, de feito, non pisou en toda a temporada, froito do bo facer dun equipo ao que tan só dous dos quince rivais se lle escaparon cos 6 puntos: Jimbee Cartagena e Industrias Santa Coloma.

Comments


bottom of page