O Pavillón Municipal Agustín Mourís acollerá as finais masculina e feminina o mércores 17 de maio, Día das Letras Galegas.
Tamén se disputarán no parqué noiés as finais da Liga Galega Xuvenil e Alevín femininas de fútbol sala.
Noia terá o orgullo de ser a capital do fútbol sala galego nunha das datas máis importantes do calendario. A Real Federación Galega de Fútbol designou ao 40x20 do Municipal Agustín Mourís como sede das finais masculina e feminina da Copa Galicia, que se disputarán o mércores 17 de maio, Día das Letras Galegas, nun evento organizado polo propio ente federativo galego, en colaboración co Concello de Noia e o Noia Portus Apostoli FS.
Por primeira vez, a vila noiesa acollerá a gran final do torneo autonómico, coincidindo coa temporada de estrea do Noia Portus Apostoli FS na Primeira División, tratándose ademais do único equipo galego da categoría.
Nunha das finais xa se coñecen as contendentes, co Pescados Rubén Burela FS e o Ence Marín Futsal como equipos que se xogarán o cetro da XVI edición da Copa Galicia feminina. Aínda falta por saber cales serán os equipos que se enfronten na masculina, coas semifinais O Parrulo Ferrol-Noia Portus Apostoli FS e Outeiro de Rei SD-CD Lugo Sala previstas para o vindeiro 29 de marzo.
As finais da Liga Galega Xuvenil e Alevín femininas de fútbol sala, tamén no Mourís
Así mesmo, o Agustín Mourís tamén acollerá as finais da Liga Galega Xuvenil e da Liga Galega Alevín femininas de fútbol sala, para redondear un día 17 de maio de auténtico espectáculo vencellado ao noso deporte.
Comments