top of page

A Copa Galicia repite en Noia

O Municipal Agustín Mourís acollerá o venres 17 de maio ás 12:30h a final da XXXII Copa Galicia masculina, entre o Noia Portus Apostoli FS e O Parrulo Ferrol FS.
Nas vindeiras semanas daranse a coñecer os detalles da venda de entradas.

(foto: Pichero)

Noia volverá a converterse no epicentro do fútbol sala galego no Día das Letras Galegas. O vindeiro venres 17 de maio ás 12:30h, o Pavillón Municipal Agustín Mourís acollerá por segunda temporada consecutiva a final masculina da Copa Galicia, na súa edición número 32, co anfitrión Noia Portus Apostoli FS e O Parrulo Ferrol FS como contendentes polo cetro autonómico.


Despois do éxito organizativo do curso pasado, no que tamén se celebrou a final feminina (xa disputada nesta ocasión), a vila noiesa volve a contar coa confianza da Real Federación Galega de Fútbol para ser designada sede nun dos días máis significativos de Galicia e do noso deporte.


Os noieses, presentes nas últimas catro finais, buscarán conquistar o seu terceiro título consecutivo ante o cadro ferrolán, que tentará reeditar o triunfo da 2018/2019 para erguer o que sería o seu cuarto campionato autonómico. As condicións da venda de entradas aínda están pendentes de confirmación e serán anunciadas nas próximas semanas.


Dúas finais máis no Mourís

Ademais da final masculina, tamén se disputarán sobre o parqué do Agustín Mourís as finais femininas de Liga Galega Benxamín e Liga Galega Xuvenil, en horario por determinar.

Comments


bottom of page