top of page

Severino Barreiro: “O 26 de marzo de 2022 foi o mellor día, deportivamente, da miña vida”

Mensaxe do presidente do Noia Portus Apostoli FS, un ano despois de consumarse o ascenso a Primeira División.
Severino Barreiro, no centro da imaxe, no festexo do ascenso xunto cos xogadores (foto: Pichero)

O 26 de marzo de 2022 foi un día histórico e inesquecible, o mellor día, deportivamente, da miña vida. Unha vez que soou o pitido final do partido contra o CD Leganés FS, ver a xogadores, corpo técnico, directiva e afección celebrando o ascenso todos xuntos na pista do Agustín Mourís é algo que quedará gravado para sempre na miña retina cun cariño enorme, da mesma maneira que o fantástico recibimento unhas semanas máis tarde na casa consistorial de Noia, no que tivemos o privilexio de gozar de todo o calor que nos deron os nosos concidadáns.


A repercusión social e mediática que implicou ese logro para o noso humilde pobo é algo incomparable que levamos experimentando desde ese máxico día, e que nos enche de orgullo a min e a todos os membros da Xunta Directiva. Obviamente, esa repercusión tamén é notoria no club, nunha continua evolución e progreso tanto a nivel interno como reputacional, que nos permite colocar o noso nome e o da nosa vila entre os mellores equipos da mellor Liga do mundo.


Por último, non me quero esquecer de dar as grazas, unha vez máis, a institucións, patrocinadores, colaboradores, socios e demais xente que nos apoia, xa sexa nas gradas do Mourís en día de partido ou con calquera tipo de acción. Todos formades parte fundamental do noso camiño e de O Sentimento dunha Vila, polo que seguiremos traballando e loitando para que continúe na elite do fútbol sala nacional.

Comments


bottom of page