Luns, 29/07/2024 · 17:00h · Imaxe: Foto Pichero | O Portus Apostoli iniciará a competición en cuartos de final, con rival suxeito a sorteo. A final, o 17 de abril en Lugo.
Pouco máis de dous meses despois de erguer a terceira, o Noia Portus Apostoli FS xa comeza a soñar coa cuarta. A sede da Real Federación Galega de Fútbol en Santiago de Compostela acolleu o primeiro sorteo da 33ª edición da Copa Galicia. No segundo coñecerá o conxunto noiés ao seu rival nos cuartos de final, rolda na que entrará en acción, coas miras postas en estar presente na gran final do 17 de abril en Lugo.
A competición empezará a fin de semana do 31 de agosto e 1 de setembro coa primeira das tres eliminatorias previas a ese segundo sorteo no que tanto Portus Apostoli como Pescados Rubén Burela FS, O Parrulo Ferrol FS e ADC Lugo Sala saberán quen serán os seus opoñentes en cuartos de final, rolda na que todos eles xogarán como visitantes o 3 de decembro. Os brancos afrontarían unha hipotética semifinal o 14 de xaneiro, tamén a partido único.
O obxectivo está claro: dicir presente o vindeiro xoves 17 de abril en Lugo, cidade na que se disputarán a gran final feminina e a masculina. Para o Noia sería a súa quinta finalísima consecutiva e a opción de reclamar o cetro galego por cuarta ocasión seguida, algo só logrado ata a data por Autos Lobelle (da 08/09 á 11/12).
Commentaires