top of page

A continuidade do seguro Henrique completa o cadeado noiés

A cesión do gardameta brasileiro foi renovada, polo que cumprirá a súa terceira temporada en Noia.


O Noia Portus Apostoli FS asegúrase unha portería de garantías coa continuidade do gardián das dúas últimas temporadas. Peza capital nos recentes avances do club, a cesión de Henrique Kasper Barbieri no conxunto noiés prolóngase de cara ao curso 2023/2024.

O de Descanso, localidade do estado brasileiro de Santa Catarina, disputará a súa terceira temporada vestindo as cores do Portus Apostoli, despois de chegar no verán de 2021 procedente do Tubarão Futsal. Desde aí, foi fundamental nas proezas do extraordinario campionato de Segunda e ascenso de categoría, a clasificación ao PlayOff polo título de Primeira e as dúas Copa Galicia.

Ata a data, xogou 66 encontros oficiais, entre eles os 30 de campionato regular máis 2 de PlayOff na estrea na elite do fútbol sala nacional, na que se erixiu como unha das revelacións baixo paus grazas ás súas intervencións e o seu excepcional xogo de pés.

Na campaña 23/24, o porteiro de 23 anos continuará facendo as delicias dos afeccionados noieses e une o seu nome ao plantel co das renovacións de Lluc, Altamirano e Power Raggiati, as fichaxes do seu novo compañeiro baixo paus Nico Sarmiento, Matheus Preá, David Pazos e Attos e as continuidades dos xogadores con contrato de Pirata, Douglas, Nico Rosa e Álex García.

bottom of page