top of page

Finaliza o exitoso periplo de Marlon Velasco no Noia Portus Apostoli FS

Case 5 anos e moitos grandes momentos despois, o adestrador e o club pechan a súa relación, previo pago da cláusula de rescisión.
(foto: Pichero)

Marlon Velasco non continuará sendo o adestrador do primeiro equipo do Noia Portus Apostoli FS tras a rescisión do seu contrato, que finalizaba en 2025. Conclúe así un ciclo brillante, iniciado en outubro de 2018, asumindo os mandos dun conxunto que loitaba por evitar o descenso a Segunda División B, e que se pecha uns días despois de disputar o PlayOff polo título de Primeira División ante o campión de Europa.


O técnico máis laureado na historia da entidade


Da súa man, o club noiés experimentou unha notoria evolución, profesionalizando a actividade do seu primeiro equipo e conseguindo éxito tras éxito, algún deles impensables, ata o día de hoxe. Un excelente campionato de Segunda División e un histórico ascenso a Primeira e dúas conquistas de Copa Galicia consecutivas brillan especialmente no seu palmarés, de onde tamén hai que rescatar unha participación no PlayOff polo título de Primeira División na súa temporada de debut na elite, outra no PlayOff de ascenso tras un curso 20/21 case perfecto na categoría de prata, un segundo posto no torneo autonómico e o teito do alcance dos cuartos de final na Copa do Rei. Todos eles triunfos que, por prestixio e número, o colocan como o adestrador con mellores resultados no Noia Portus Apostoli FS.




Segundo entrenador con máis partidos


O técnico abandona Noia despois de dirixir nese período de case cinco campañas un total de 179 encontros, dos que 156 foron de competición oficial, o que o convirte no segundo máis lonxevo na historia do club. Neses partidos colleitou 81 vitorias, 31 empates e 44 derrotas, destacando os espectaculares rexistros das últimas dúas temporadas regulares en Segunda División, un global de 43 choques gañados, 7 empatados e 6 perdidos.




Artífice de tardes para a lembranza


Baixo a dirección de Marlon Velasco, o Noia Portus Apostoli FS viviu días que quedarán na retina de todo noiés afeccionado ao fútbol sala. Máis recentes como a increíble vitoria ante o Barça na primeira visita ao Palau ou a goleada a Viña Albali Valdepeñas no Mourís, fortín que tamén celebrou a consecución da segunda Copa Galicia e, unha temporada antes, o histórico ascenso a Primeira, tras superar por 3-1 ao CD Leganés FS, así como a eliminación a ElPozo Murcia Costa Cálida en Copa do Rei.

Entre eses momentos, tamén relocen a primeira Copa Galicia en Marín ou o triunfo ante Manzanares FS en casa que elevaba aos seus como mellor equipo da Segunda División 20/21. Pero, por riba de todos, Velasco confesaba na súa última rolda de prensa post partido quedarse coa lendaria vitoria en Rivas que salvaba aos seus do descenso a Segunda B na temporada 18/19: “É o mellor recordo que teño ao largo destas cinco temporadas, nunca vin a comunión que houbo o día de Rivas entre equipo, club e afección”.



Desde o Noia Portus Apostoli FS queremos agradecerlle a Marlon Velasco, máis alá dos éxitos conseguidos, tantos anos de traballo incansable e dedicación ao noso club, e desexarlle o mellor tanto no persoal como no seu novo reto profesional.


Rolda de prensa de despedida de Marlon Velasco



bottom of page