top of page

A 2025/2026 do Noia Portus Apostoli FS, en datos

  • 56 minutes ago
  • 3 min read
Luns, 25/05/2026 · 17:06h · Imaxe: Foto Pichero | Debullamos os aspectos claves que deixou a gran temporada do equipo noiés na Primeira División FS.
Luns, 25/05/2026 · 17:06h · Imaxe: Foto Pichero | Debullamos os aspectos claves que deixou a gran temporada do equipo noiés na Primeira División FS.

Apenas unha semana pasou desde que o Noia Portus Apostoli FS puxera punto e final a unha formidable temporada 2025/2026. A cuarta consecutiva na Primeira División FS, entre os mellores, que deixou numerosos rexistros favorables para os de David Palmas.


Récord de puntuación


Empezando pola máis evidente a simple vista. Os 39 puntos acumulados tras as 30 xornadas ligueiras supoñen a maior colleita do Portus Apostoli desde a súa chegada á elite, superando por un os 38 conseguidos na 22/23. Naquela ocasión, valeron para gañarse un posto no PlayOff polo título; nesta, para terminar 11º, a segunda mellor posición final a nivel histórico en Primeira.


Maior número de vitorias


Ningún Noia Portus Apostoli FS de Primeira gañou máis que o da 2025/2026. Desde a lograda o 27 de setembro na xornada 4 ante Viña Albali Valdepeñas, ata o 28 de abril contra Quesos El Hidalgo Manzanares FS na 27ª data, o equipo branco levou o triunfo nun total de 11 ocasións. De novo, unha máis que o anterior máximo rexistro, 10 na campaña 22/23.


Máis celebracións que nunca, tamén na casa | Imaxe: Foto Pichero
Máis celebracións que nunca, tamén na casa | Imaxe: Foto Pichero

Salvados antes e con maior distancia que nunca


Despois de dúas temporadas coa auga no pescozo ata a penúltima e última xornada, respectivamente, equipo e afección noiesa merecían un pouco de tranquilidad coa salvación. E este curso tivérona máis que nunca. A vitoria por 5-4 contra Family Cash Alzira FS o 18 de abril na xornada 25 certificou a permanencia más temperá na súa historia na Primeira División FS. Os de David Palmas afrontaron as últimas cinco xornadas coa confianza do obxectivo cumprido con creces, e, de feito, mantiveron finalmente 16 puntos sobre a zona vermella. De cando databa o anterior récord? Efectivamente, da 22/23, cando os por aquel entón dirixidos por Marlon Velasco se salvaron con catro partidos por disputarse, acabando con 9 unidades sobre a queima.


O Mourís festexou máis que nunca


Por todos é sabido que o Municipal Agustín Mourís é o mellor apoio do Noia Portus Apostoli FS desde sempre. E esta campaña iso notouse máis que nunca. Ata 8 das 11 vitorias noiesas se asinaron no seu feudo, superando as 7 da temporada 23/24. Ademais, os empates contra Movistar Inter FS e Jaén Paraíso Interior FS ascenden a 10 os encontros como local nos que se sumou, igualando a cifra da 22/23, na que se gañaron 4 e empataron 6. Nada mellor que festexar xunto aos teus.


O Portus Apostoli máis xeneroso


A xenerosidade é unha cualidade importante nunha persoa e esencial nun equipo. E o Noia 2025/2026 demostrou tela. Ata 62 goles dos 94 anotados polo conxunto branco, case un 66%, chegaron precedidos dun pase clave dun compañeiro, pulverizando o récord previo de 54 da 22/23. Curiosamente, o que máis repartiu é o que máis os marcou tamén: 13 asistencias de Ismael.


Grandes números dun gran equipo | Imaxe: Foto Pichero
Grandes números dun gran equipo | Imaxe: Foto Pichero

A diferenza de goles máis apretada


94 goles converteu o Portus Apostoli esta temporada, por 100 encaixados. Un total de -6 en diferenza de goles, o balance máis favorable no seu historial na Primeira División FS. O noveno mellor da Liga esta campaña nese aspecto. De feito, entre os que non participarán no PlayOff polo título, o rexistro noiés é o mellor. Unha balanza que sempre é importante de cara a definir as posicións dos equipos na táboa clasificatoria.


A piques de romper o teito goleador


Este para o final, porque non é récord... pero case. Eses 94 goles anotados supoñen a segunda maior cifra, a tan só dous de igualar os 96 a favor da 23/24. Así, unha reseñable media de 3,13 goles por partido e 10º equipo con máis dianas convertidas, igualado con ElPozo Murcia Costa Cálida FS. Para o recordo especial, os dous partidos con 8 tantos conseguidos frente a O Parrulo Ferrol FS e Quesos El Hidalgo Manzanares FS ou os 6 na pista do Servigroup Peñíscola FS.

Comments


bottom of page