top of page

CRÓNICA - AMISTOSO PRETEMPORADA (OPA 2–4 NPA) | Debut con remontada e vitoria

Os noieses tiveron que darlle a volta a unha desvantaxe de 2-0 para empezar con bo pé os test de pretemporada e a era Tomás de Dios.
O próximo martes, desprazamento a Braga para enfrontarse ao cadro luso no segundo amistoso.

Os xogadores celebran o tanto de Lluc, o 2-3 (foto: Manuel Lorenzo)

O Noia comeza os seus test cun triunfo en Ferrol labrado nos últimos minutos, cando os brancos, vestidos de negro para a ocasión, lograron derribar a resistencia ferrolá para remontar un 2-0 e impoñerse por 2-4, deixando ademais boas sensacións, a pesar de que aínda hai marxe de crecemento.

Presentábase ao seu primeiro amistoso da pretemporada 23/24 o conxunto de Tomás de Dios con ambición de probar o traballado estas tres últimas semanas, e fíxoo, deixando ver detalles como a presión defensiva, as asociacións en ataque e as incorporacións de Henrique, pero tamén con ganas de gañar. Demostrárono coas ocasións importantes que gozaron Nico Rosa, Pazos ou Álex García, rexeitadas por Coro, nun período inicial no que levaron o mando do duelo.


Chegaban os parrulos, maioritariamente, a través de transicións á meta primeiro de Henrique e logo de Iván, o novo portero del Filial que se puxo entre paus os últimos cinco minutos do primeiro tempo os primeiros do segundo. O xoven gardameta deixou algunha boa parada, como a que efectuou coa perna a Aitor, o mesmo que insistiría para participar no 1-0, a 16 segundos do descanso, entregándolle o balón a Iván Rumbo ao segundo palo, onde só tivo que empuxala.

Custoulle coller o ritmo á saída de vestiarios ao Portus Apostoli, que de feito acabaría encaixando o segundo. Desatouse a alegría en A Malata grazas ao tanto a pracer de Novoa, que colocaba o 2-0 no 26’ de partido. Ante a adversidade creceuse o cadro noiés, que foi de menos a máis, e ao que só freaba un Coro que detivo numerosas ocasións e, nunha oportunidade de Power, a madeira. Rompeu, finalmente, a seca David Pazos, que anotaba o seu primeiro gol como xogador do Noia nunha xogada a trompicóns e que tivo que rematar desde o chan para o 2-1 no 33’.


Máis incisivo e acertado nas súas decisións, o Portus Apostoli terminou remontando o partido con tres goles nos últimos tres minutos. O empate correu a cargo de Nico Rosa, definindo á perfección ante a saída de Canoli; Lluc fixo o 2-3, xa no 39’, chegando ao segundo pau para definir unha acción combinativa de 10; e, por último, Pirata fixo dun despexe desde máis alá de 30 metros un auténtico golazo que selou o triunfo en terras ferrolás.


Inicio competitivo con sorriso para os noieses, que, porén, son conscientes dos erros cometidos e de que aínda hai moita marxe de mellora, máis tendo en conta que se presentaran en A Malata con ata 6 baixas. Nova proba de esixencia o martes, cando tocará desprazarse a Braga para verse as caras co equipo portugués no segundo amistoso da pretemporada.


 


Ficha técnica


Noia Portus Apostoli FS: Henrique (p), Pola, Álex García, Pazos e Pirata. Tamén xogaron Iván (p), Power Raggiati, Lluc (c), Rufino, Douglas, Nico Rosa e Pau.


O Parrulo Ferrol FS: Coro (p), Rubén Orzáez, Charly, Adri (c) e Álex Moñino. Tamén xogaron Canoli (p), Turbi, Iván Rumbo, Novoa, Aitor, Pansi, Negro, Domingos e Pedro.


Goles: 1-0 Iván Rumbo (20’), 2-0 Novoa (26’), 2-1 David Pazos (33’), 2-2 Nico Rosa (37’), 2-3 Lluc (39’), 2-4 Pirata (39’).

Os colexiados Figueroa Veiga e López López non amonestaron a ningún xogador.


Incidencias: partido amistoso de pretemporada, disputado no Municipal A Malata de Ferrol ante uns 300 espectadores.

bottom of page