Sábado, 24/11/2024 · 20:20h · Imaxe: Foto Pichero | Os noieses logran cortar a xeira de derrotas, pero lamentaron o ter tan preto o primeiro triunfo ligueiro do curso.
Peche á serie de partidos perdidos e sen marcar, pero o reparto de puntos fronte ao Córdoba Patrimonio de la Humanidad sabe a pouco ao Noia Portus Apostoli FS, de novo pouco certeiro nos seus momentos de dominio e demasiado castigado ante o dano recibido.
Desde o inicio respirábase o amplo respecto entre ambos equipos, conscientes da importancia do duelo. A punto estivo de rompelo Pirata xa no minuto 3, cun remate de falta que se estrelou no largueiro. Era o primeiro aviso dos noieses, máis insistentes co coiro e nas chegadas, ante un Córdoba que apenas viu a Schütt.
Tocaban xa os 200 minutos seguidos sen anotar gol do Noia en Liga cando se produciu a máis clara. Primeiro o pau, a tiro de David Pazos, e logo Fabio, ante Pirata, evitaron que o marcador se movera xusto antes do descanso.
E por fin, o gol en Liga
Saíron mellor os califais de vestiarios, pero os brancos quitáronse a espesura da man un Agustín Mourís espectacular. A situación era máis que coñecida: empuxe noiés constante, con chegadas e ocasións sen premio. Ata que, no minuto 27, Álex García executou un preciso disparo exterior que bateu a Fabio e puxo fin a 207 minutos ligueiros sen marcar do Portus Apostoli.
O éxtase xeralizado por tan desexado gol deu máis ás ao cadro galego. Oportunidade de Garrincha, Pirata e algunha máis ben puideron aumentar a renda no electrónico. Porén, ese importante segundo tanto non chegou, e o Córdoba tomou o pulso do partido, en gran medida grazas ás incorporacións do seu porteiro, Víctor.
Defendíase con uñas e dentes o conxunto branco ante os cordobeses, que, na máis perigosa, estrelaron un balón no pau por medio de Kauê. A pesar de sufrir, estaba sabendo facelo o cadro noiés, que só encaixou a través dun erro en saída de presión, aproveitado por Kauê e Echavarría, con este último facendo o empate no 37’.
Os últimos minutos foron, principalmente, de arremetidas locais, e de todas elas, unha sobre todo. Unha que salvou Víctor en ultimísima instancia ante un Matheus Preá ao que lle faltou un pouquiño máis de forza no golpeo para concretar, case con total seguridad, un gol que tería dado un triunfo que se segue resistindo.
Próximo partido
De novo no Agustín Mourís, o Noia Portus Apostoli FS enfrontarase o próximo sábado 7 ás 20:00h ao Viña Albali Valdepeñas, na 10ª xornada ligueira.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Power Raggiati, Rubi, David Pazos e Rufino. Tamén xogaron Montero, Garrincha, Attos, Álex García, Pirata (c), Matheus Preá e Koeman.
Córdoba Patrimonio de la Humanidad FS: Fabio (p) (c), Pablo del Moral, Echavarría, Arnaldo Báez e Macedo. Tamén xogaron Víctor (p), Hugo Expósito, Lluc, Murilo, Aranda, Kauê e Juanan.
Goles: 1-0 Álex García (26’), 1-1 Echavarría (37’).
Os colexiados Samuel Gabaldón Rico e Óscar Ropero Lara, do comité valenciano, amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Pirata (6‘) e Attos (37'). E nos cordobeses, amarelas a Arnaldo Báez (10’), Echavarría (20’) e Macedo (34')
Incidencias: partido correspondente á xornada 9 da Primeira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 600 espectadores.
Comments