Os dous primeiros tantos do Jaén foron, xunto á gran actuación de Espíndola, unha carga para un Portus Apostoli ao que se lle atraganta la regularidad en casa.
A vindeira semana, os brancos visitarán ao Mallorca Palma Futsal en partido da xornada 10 da Primeira División Fútbol Sala.

Practicamente todo lle saiu cruz ao Noia Portus Apostoli FS nunha tarde que comezou mal e, a pesar dos intentos de darlle a volta, non mellorou, resultando na vitoria do Jaén Paraíso Interior FS por 2-4.
Dúas accións desafortunadas desfixeron a igualada do marcador e do novedoso parqué que mudou a apariencia do Mourís por un día, a motivo da emisión do canal temático de RTVE, Teledeporte. Entre o 7’ e o 8’, un mal desvío de Pola e un esvarón de Henrique traducíronse nun esaxerado 0-2 a favor do Jaén Paraíso Interior, que engadiría o terceiro no minuto 13 por medio de Mati Rosa, nunha gran acción de equipo que tamén tivo a súa dose de fortuna, ao aproveitarse o arxentino do rebote da parada de Henrique no primeiro contacto co coiro.
Por contra, aos noieses faltáballes ese último pase, ese toque de graza, e emerxeulles dinte un inspirado Espíndola, incluso en ataque, incorporándose con perigo en varias ocasións. Tivo que ser cunha carambola similar á do 0-1 inicial como abrira o seu marcador o Noia. Unha volea de Power á saída dun córner impactou en Alan Brandi, que reduciu diferenzas para os brancos de maneira involuntaria.
A por máis se lanzou o Portus Apostoli, xa sen o seu adestrador Tomás de Dios, que viu a segunda amarela por protestar mediado o segundo acto. Porén, os noieses correron a mesma sorte que antes do 1-3, cun Espíndola que se facía xigante ante as acometidas que lle chegaban, a más clara por parte de Machado. A pena branca sería maior cando un control largo de Power se tornou en pérdida e, finalmente, gol a pracer de Dani Zurdo, que xa obligaba ao Portus Apostoli a poñer toda a carne no asador.
Saiu Pirata coa camiseta de porteiro-xogador, e continuou tras a expulsión de Míchel. Nesa superioridade numérica, o gol de Matheus Preá deu esperanzas aos seus no tramo final, con dous minutos restando no crono. Terminou por diluilas, novamente, Espíndola, con dúas grandes paradas a Matheus Preá e Edu Jabá. Incluso puido engadir Jaén un tanto máis á súa conta, pero o balón enviado por Mati Rosa desde a súa pista entrou fóra de tempo. Por unha ou outra razón, o certo é que ao Portus Apostoli se lle segue facendo costa arriba o atopar a regularidade no Agustín Mourís. Só queda traballar para chegar a ela, aínda que, antes, os noieses terán que desprazarse a Palma para disputar, este sábado 11 ás 13:00h en Son Moix, partido da xornada 10 ligueira.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Henrique (p), Pola, Machado, David Pazos e Pirata. Tamén xogaron Sarmiento (p), Power Raggiati, Lluc (c), Altamirano, Edu Jabá, Rufino, Attos, Nico Rosa e Matheus Preá.
Jaén Paraíso Interior FS: Espíndola (p), Taborda, Míchel, Nem e Alan Brandi. Tamén xogaron Mauricio (c), Dani Zurdo, Pablo del Moral, Renato, Hélder e Mati Rosa.
Goles: 0-1 Pola en propia portería (7’), 0-2 Dani Zurdo (8’), 0-3 Mati Rosa (13’), 1-3 Alan Brandi en propia portería (29’), 1-4 Dani Zurdo (35’), 2-4 Matheus Preá (38’).
Os colexiados manchegos Carlos Rodrigo Miguel e Fermín Ángel Sánchez-Molina Tapiador amoestaron polos locais con cartón amarelo a Matheus Preá (19’), Pirata (39’), ao preparador físico Juan Carlos Argibay (31') e ao adestrador Tomás de Dios (17’ e 29’). E polos visitantes, amarelas a Alan Brandi (15’), Espíndola (18'), Nem (24’), Renato (28’), Míchel (30’ e 38’), Mati Rosa (40') e ao adestrador Dani Rodríguez (19’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 9 da Primeira División Fútbol Sala, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 650 espectadores. O partido foi emitido en directo polo canal temático de RTVE, Teledeporte, e, a consecuencia diso, disputouse co parqué negro da RFEF. No palco, presenza de José Miguel Monje, presidente do Comité Nacional de Fútbol Sala da RFEF; Javier Lozano, presidente da LNFS; Pablo Prieto, vicepresidente da RFGF; e Luis Amado, representante institucional da RFEF, ademais doutros membros federativos.
Comments