Domingo, 24/11/2024 · 18:15h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | “Día da marmota” para o Portus Apostoli, de novo con resultado de derrota e a cero de cara a portería a pesar de facer méritos para moito máis en Manzanares.
A pelota volveu a decir “non” en Manzanares para un Noia Portus Apostoli FS que, unha vez máis, competiu, xerou e dispuxo de ocasións claras, pero non as puido materializar ante un Quesos Hidalgo ao que a súa afección fixo forte para levarse un disputadísimo encontro.
Ao galope de David Pazos, o Noia acosaba a portería de Antonio Navarro desde cedo. O de Ames contou con ata tres oportunidades nos instantes iniciais, todas elas negadas por un acertado meta local.
O cadro noiés estaba ben plantado, coas ideas claras, incisivo en estático e, sobre todo, en transición tras roubo. Desta última maneira tivéronas Matheus Preá, Rufino, Pirata ou Koeman, tampouco suficiente para cortar a seca goleadora. Polo menos, na outra portería tamén reinaba o 0, con Schütt atento aos menos achegamentos locais, capitaneando o esforzo defensivo dos seus.
Un desenlace, de novo, desgraciado
A máis clara dos brancos na segunda metade volveu a levar a sinatura de David Pazos. Un disparo do á desviado por un contrario golpeou no largueiro, pasado o minuto 27 de partido. Xa o tentara de case todas as formas o Noia, e sumou unha máis coa entrada de Pirata como porteiro-xogador, mecanismo tamén útil para dar un pouquiño máis de pausa ao duelo e respiro a uns xogadores noieses que comezaban a notar o lóxico cansazo polo desgaste físico dun esixente encontro, unido ás bajas que decimaban unha cita máis ao equipo.
Entrando nos últimos 5’ de xogo, un simple gol valía o seu peso en ouro, ao igual que o vale unha afección que se converte en sexto xogador cando os seus o precisan. Víveo o Noia cando xoga na casa, e experimentouno nas súas carnes en contra este domingo. As gradas do Manzanares Arena insuflaron de confianza aos de Juanlu Alonso, tamén lastrados por importantes baixas, e pouco a pouco hundiron aos brancos.
Nunha desas aproximacións, o Quesos Hidalgo forzou un saque de esquina que aproveitou Antoñito para romper a igualdade, enviando á rede o pase raso de Álvaro. Mazazo para os noieses, que volveron a tirar de porteiro-xogador instantaneamente. Porén, impúxose a defensa, que, ademais, engadiu apenas un minuto despois do tanto inicial o 2-0 por medio de Humberto. Nos máis de 3 minutos restantes, o Portus Apostoli non logrou reengancharse ao marcador, confirmando un novo e aciago “día da marmota” do que o Noia terá que seguir traballando e loitando para saír o antes posible.
Próximo partido
Os noieses viaxarán este luns desde Alcázar de San Juan ata Valencia, onde se enfrontarán o martes 26 ás 20:30h ao Levante UD FS, en compromiso de cuarta eliminatoria de Copa do Rei FS.
Ficha técnica
Quesos Hidalgo Manzanares FS: Antonio (p), Pedro Beraldo, Álvaro, Javi Alonso e Daniel. Tamén xogaron Nefi, Pedro Herreros, Zequi e Humberto.
Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Power Raggiati, Rubi, David Pazos e Pirata (c). Tamén xogaron Iván (p), Montero, Garrincha, Rufino, Attos, Álex García, Matheus Preá e Koeman.
Goles: 0-1 Antoñito (35’), 0-2 Humberto (36’).
Os árbitros Éder Gómez de Salazar Fernández (comité vasco) e David Urdánoz Apezteguía (comité navarro) amoestaron con tarxeta amarela polos manchegos a Pedro Herreros (13’), Javi Alonso (15’), Zequi (34’) e Daniel (39’). Polos noieses, viu a amarela Rubi (32’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 8 da Primeira División FS, disputado no Manzanares Arena ante uns 1.500 espectadores.
Comments