top of page

CRÓNICA X8 (EPM 5-5 NPA) | Ao bordo dunha gran vitoria

Os noieses non se deron por vencidos ante o empuxe local, e tras empatar o marcador en tres ocasións, só un tanto de Taffy a 29 segundos do final evitou a proeza.
Oito puntos no casilleiro branco tras esta oitava xornada. Esta vindeira semana, dobre compromiso con Copa Galicia e Liga no horizonte.

Os noieses celebran un dos tantos da tarde (foto: Manuel Lorenzo)

Que un punto saiba a pouco no Palacio de los Deportes de Murcia dio todo. E é que o Noia Portus Apostoli FS, que estivo ata tres veces a remolque no electrónico, viu como se lle escapaba un potencial histórico triunfo a 29 segundos do final ante todo un ElPozo Murcia Costa Cálida FS.

Asumiu a batuta do xogo ElPozo desde ben cedo, facendo traballar duro a Henrique ata en tres ocasións nos primeiros minutos. Mediante algunha transición e disparos desde lonxe reclamaba a súa presenza en ataque o Noia que, porén, acabaría recibindo o 1-0 dos murcianos no 14’. Cando semellaba que romper a lata co tanto de Rafa Santos daba a tranquilidade necesaria aos de Javi Rodríguez, un golpeo afastado de Nico Rosa sorprendeu a Juanjo para o empate no 17’. Puido desfacelo Marcel a 5 segundos do descanso, pero o seu tiro escupiuno a madeira.

A segunda metade iniciouse con, novamente, os charcuteros acosando aa portería noiesa, sobre todo xerando perigo en accións de pelota parada, como a que provocara o 1-0. Nese reinicio produciuse tamén o debut oficial de Matheus Preá coa camisola do Portus Apostoli, na primeira convocatoria dos noieses cos 14 xogadores do primeiro equipo.

Cun golazo volvería a poñerse por diante ElPozo, nun extraordinario lanzamiento de falta de Gadeia imposible para Henrique. Non sería suficiente para que un rebelde Noia tirara a toalla. Apenas dous minutos despois, un toque de Altamirano desviábao Marcel a gol en propia meta nunha acción de esquina, xusto a continuación dunha meritoria parada de Henrique na portería contraria.

A partir de aí, e tras unha gran ocasión fallada por Rufino, o partido entrou en ebulición, principalmente polo picante que aportaron as cinco faltas que imperaban no marcador de ambos bloques. Aos árbitros non lles tremeu o chifre, e castigaría primeiro nesas lides Gadeia, dando respiro a un ElPozo que, ademais, via como Pirata fallaba o primeiro que dispuxo o Noia. Iso tampouco fixo que o Portus Apostoli baixara os brazos. Por medio de Lluc chegou o 3-3 case de maneira instantánea, co capi aproveitando un rexeite de Juanjo a disparo de Altamirano.

Co 3-3 gozou de dúas oportunidades perigosas o cadro noiés antes de volver a visitar o punto de dez metros. Esta vez si acertou Pirata para superar a Juanjo e, a falta de 3’42’’, poñer por diante por primeira vez ao seu equipo no Palacio de los Deportes murciano. Un minutiño durou a alegría, debido a que Gadeia completou o seu hat-trick para o 4-4, cos de Javi Rodríguez atacando de cinco.

Replicou coa mesma iniciativa Tomás de Dios, pero sería novamente grazas aos dez metros, por falta de Marcel que lle custou a segunda amarela, que Pirata colocaría o 4-5 ante Edu Sousa. Acariñaba os tres puntos o conxunto branco, un histórico triunfo nun coliseo lendario... ata que Taffy, atento no segundo pau, conseguiu o 5-5 definitivo a 29 segundos do bocinazo final, provocando o empate e reparto de unidades, e a consecuente frustración de ver marchar dous puntazos.

Agora, aos noieses agárdalles unha semana con dous compromisos. Primeiro, o mércores ás 18:00h en Vigo ante o IES Coruxo FS, polos cuartos de final da Copa Galicia, e despois recibindo ao Jaén Paraíso Interior ás 19:00h do sábado en duelo da novena xornada ligueira.


 
Ficha técnica

ElPozo Murcia Costa Cálida FS: Juanjo (p), Marlon, Gadeia, Marcel e Rafa Santos. Tamén xogaron Edu (p), Taffy, Niyazov, Ricardo, Esteban, Felipe Valerio e Eric Pérez.

Noia Portus Apostoli FS: Henrique (p), Pola, Machado, David Pazos e Pirata. Tamén xogaron Power Raggiati, Lluc (c), Altamirano, Edu Jabá, Rufino, Nico Rosa e Matheus Preá.

Goles: 1-0 Rafa Santos (13’), 1-1 Nico Rosa (17’), 2-1 Gadeia (28’), 2-2 Marcel en propia portería (30’), 3-2 Gadeia (31’), 3-3 Lluc (33’), 3-4 Pirata (37’), 4-4 Gadeia (38’), 4-5 Pirata (39’), 5-5 Taffy (40’).

Os colexiados andaluces Pedro Antonio Carrillo Arroyo e Juan José Cordero Gallardo amoestaron polos locais con cartón amarelo a Taffy (29’), Eric Pérez (30‘), Esteban (32’), Marcel (37’ e 39’), Gadeia (40’) e o adestrador Javi Rodríguez (40’). E polos visitantes, ensinaron amarela a Nico Rosa (28’), Edu Jabá (28’), David Pazos (31’), Rufino (31’), Lluc (33’) e Attos (40’).

Incidencias: partido correspondente á xornada 8 da Primeira División Fútbol Sala, disputado no Palacio de los Deportes de Murcia ante uns 1000 espectadores.

bottom of page